Galicia e Extremadura unen forzas no eido da supercomputación
luns, 15 de febreiro do 2010
A Fundación Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), da Consellería
de Economía e Industria e do CSIC, maila Fundación Computación e Tecnoloxías
Avanzadas de Extremadura (COMPUTAEX), veñen de asinar un convenio de
colaboración na área de supercomputación mediante o cal reforzan os acordos xa
existentes entre ambas entidades para achegar un marco no que desenvolver as súas
actividades de maneira conxunta.
Ambas institucións, que xestionan cadanseu supercomputador de gran
capacidade de memoria compartida, o galego Finis Terrae, que xa coñecemos polos
seus procesos de cálculo mundialmente recoñecidos no CESGA e o recentemente
inaugurado LUSITANIA, do Centro Extremeño de Investigación, (CénitS), van poder
extender e profundizar nas iniciativas que leven a cabo conxuntamente posto que
estas infraestruturas de cómputo estratéxicas constitúen elementos fundamentais
no apoio do desenvolvemento de programas de investigación e innovación
tecnolóxica aplicada nas súas respectivas Autonomías e en España.
O acordo asinado hoxe contempla realizar accións específicas conxuntas para
a utilización dos recursos de
supercomputación para os usuarios dos dous centros nun futuro, así como para
fomentar a mobilidade inter-centros de científicos e tecnólogos. Nesta fase xa se
teñen fixado obxectivos compartidos como a elaboración dun plan de formación
complementario ao dos centros; a realización de plans conxuntos de difusión e
divulgación de Computación de Altas Prestacións (HPC); o establecemento dun
plan de soporte aos usuarios como punto de partida para un futuro Grupo de
Traballo Técnico inter-centros que optimice recursos e nivel de satisfacción
dos usuarios; ou a elaboración do Plan de Mobilidade de investigadores e
tecnólogos entre centros.
Pola súa banda, o CESGA, con 17 anos de traxectoria, ten como obxecto,
segundo veñen de afirmar, “fomentar,
difundir e prestar servizos de cálculo intensivo e comunicacións ás comunidades
investigadoras galega e do Consello Superior de Investigacións Científicas,
CSIC, así como a aquelas empresas ou institucións que o soliciten”. Finis
Terrae o supercomputador xestionado polo CESGA ten sido recentemente incluído
no Mapa de Instalacións Científico Tecnolóxico Singulares (ICTS) do Ministerio
de Ciencia e Innovación, MCINN, por ser un sistema integrado por 144 nodos de
memoria compartida e conta cun total de
20.000 GB de memoria principal, 390.000 Gb en disco e 2.580 procesadores
Itanium.
COMPUTAEX, pola súa banda, ten como finalidade o desenvolvemento das
tecnoloxías da información, o uso do cálculo intensivo e das comunicacións
avanzadas como ferramentas para o
desenvolvemento socioeconómico sustentable, estimulando a participación da
sociedade civil, mobilizando os seus recursos e dedicando especial atención ás
relacións de cooperación entre os centros de investigación públicos e privados
e do sector produtivo.