Galicia e Portugal colaboran na optimización do tratamento de residuos mediante IA

venres, 15 de marzo do 2024 Redacción

Galicia e Portugal colaborarán até 2026 na mellora da selección e tratamento de residuos de envases mediante o uso da intelixencia artificial a través do proxecto europeo Gresint. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 800.000 euros, contribuirá a modernizar as infraestruturas existentes de xestión de residuos e optimizar os seus resultados.
Así o destacou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a clausura da xornada Unha transformación dixital intelixente no proceso de recollida e clasificación de residuos, que supuxo o lanzamento oficial dun proxecto que lidera a empresa pública Sogama e no que participan outras entidades de Galicia e Portugal.
A responsable autonómica incidiu en que o labor investigador que se vai desenvolver ao abeiro desta acción permitirá aplicar as últimas tecnoloxías en materia de xestión de residuos nas plantas de tratamento existentes, tanto en Galicia como en Portugal, e contribuirá a mellorar a clasificación de envases para despois poder reciclalos.
De feito, os traballos incluirán a instalación de novos sensores en cintas e motores das plantas de tratamento de Cerceda e Porto, co obxectivo de separar mellor os residuos; o uso de dispositivos para detectar de xeito áxil os materiais que non poden recuperarse; e o emprego de intelixencia artificial e de robots para axilizar todo o procedemento.
Ángeles Vázquez salientou que o proxecto tamén prevé tres probas piloto nesas dúas plantas e a información obtida almacenarase nunha base de datos para un acceso fácil e seguro por parte dos integrantes da plataforma de intelixencia artificial conxunta creada no marco desta iniciativa, o que contribuirá a mellorar os resultados.

PUBLICIDADE