Galicia é a comunidade autónoma que máis medrou en acceso a Internet o ano pasado

luns, 18 de xullo do 2011 Raquel Noya

Segundo o último Informe anual sobre o desenvolvemento da Sociedade da Información eEspaña 2010 publicado pola Fundación Orange, España, con 65 puntos, ocupa a decimoséptima posición do ranking que mide o desenvolvemento da Sociedade da Información a nivel europeo, un ranking que lideran Suecia, Finlandia e Dinamarca.
O documento, que trata de avaliar o maior número posible de variables recollidas do Plan Avanza2, indica que España é líder europeo no acceso de empresas de 10 ou máis empregados a través da banda larga, porén ten a “peor balanza comercial TIC da UE”.
Tamén destaca que xunto con Luxemburgo e Suecia, o noso Estado é líder na porcentaxe de usuarios que acceden á Rede a través do dispositivo móbil, e tamén está á cabeza da listaxe de usuarios de redes sociais, cun 80 por cento de internautas.
Por Comunidades, xa no eido interno, o informe indica que Castela e León está á cabeza de España en canto aos niveis de uso da e-Administración por parte da cidadanía e empresas, e que Madrid lidera o Índice de Converxencia da Sociedade da Información nas CCAA, o cal mostra unha redución das diferenzas entre rexións importante.
Novamente, segundo di o informe, no ano 2010 séguese a detectar a relación positiva e significativa entre a porcentaxe de fogares con ordenador e a porcentaxe de fogares con conexión a Internet, así como entre esta última variable e a porcentaxe de fogares con conexión a banda larga. Neste senso, Galicia, xunto con Extremadura e Castela e León repiten posicións como as rexións menos favorecidas nestes tres indicadores.
Pola contra, o desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia comparte moitos dos problemas que teñen outras comunidades de España cun forte compoñente rural; malia a isto, a nosa Comunidade conseguiu achegarse aos índices das rexións máis desenvolvidas en materia TIC. O principal punto forte da Sociedade da Información galega é, segundo o informe, “o uso da Administración Electrónica por parte da cidadanía”.
As principais áreas de mellora no noso país están relacionadas co acceso ás TIC por parte da cidadanía e a informatización dos procesos da empresa galega, pois a nosa Comunidade atópase por debaixo da media europea en 18 indicadores ICSI e por debaixo da media nacional en 23.
Malia todo, o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010 e o Plan Director de Banda Larga de Galicia 2010-1013, posibilitaron que Galicia sexa “a rexión de España que máis medrou en acceso a Internet e banda larga nos fogares no 2010”.

PUBLICIDADE