Galicia e outras cinco autonomías reclaman maior presenza das linguas cooficiais en ferramentas informáticas e plataformas
luns, 3 de novembro do 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Donostia na constitución do novo Consello das Linguas Oficiais (Consejo de las Lenguas Oficiales), órgano estatal de seguimento en materia de política lingüística que substitúe ao anterior incorporando, entre outras novidades, como membros de pleno dereito aos representantes das comunidades autónomas con linguas oficiais: Galicia, Euskadi, Cataluña, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares.
Unha das primeiras cuestións nas que incidiron, tal e como acordaron nun encontro celebrado o pasado mes de outubro en Santiago os responsables autonómicos de lingua, foi “na necesidade de impulsar os distintos idiomas na xustiza”, nomeadamente ante a habilitación da nova plataforma tecnolóxica de xestión procesual Atenea, en substitución da actual Minerva, do Goberno central.
Tal e como explicou Valentín García, “é prioritario que tanto nese como en todos os programas de nova aplicación se atenda á realidade plurilingüe do Estado e á protección e promoción do uso das linguas oficiais”, puntualizando que “no caso concreto de Atenea é a Xunta a que se está implicando para que o sistema estea dispoñible tamén en galego e o que queremos é que esa implicación proceda de Madrid”.
Neste senso, fíxose fincapé na necesidade de que os idiomas oficiais como o galego teñan unha maior presencia nas corporacións de radio televisión públicas. “Vimos de ver como Televisión Española asinou un convenio coa Generalitat para a creación dunha canle xeral en catalán e vemos significativo que este compromiso sexa estendido a todas as linguas oficiais”, explicou García.
Ademais, o representante do Goberno galego sinalou a importancia “da renovación e novo enfoque dun órgano chamado a ser un foro de diálogo e punto de enlace para o impulso das políticas lingüísticas, así como un grande observatorio no que todos podemos aportar para que todas as linguas oficiais ocupen o lugar que merecen na vida pública”. Neste senso, tamén valorou positivamente que se inclúan outras entidades e institucións con especial relevancia lembrando que “tamén desde o Goberno galego, no marco do Pacto pola Lingua, contamos sempre coa perspectiva e as achegas de institucións e axentes sociais para enriquecer as medidas de fomento do idioma”.
