Galicia estrea campus virtual centrado no emprego

mércores, 28 de xullo do 2021 S. P.

Esta mañá celebrouse en Santiago a asemblea xeral da delegación galega da Confederación Española de Empresas de Formación (CECAP). Na cita participou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que expuxo as vantaxes que traerá a posta en marcha en Galicia do que sería, dixo, “o primeiro campus virtual autonómico de formación para o emprego de España”. Habilitarase da man da Consellería en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
A nova ferramenta, en palabras da conselleira, “achegarase a todo o territorio galego e posibilitará unha formación moderna con todas as garantías”. E engadiu: “É un proxecto que vén de reformular integramente o modo de entender e impartir formación para o emprego en Galicia”.
Cun investimento de máis de 330.000 euros, a plataforma permitirá que 15.000 alumnos e alumnas participen en ao redor de 1.700 cursos convocados no marco do Plan de formación para o emprego da Xunta.
A ferramenta porase a disposición das preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos 13 centros de formación da Consellería de Emprego e Igualdade, aos que se lles suman os programas específicos da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo.
Lorenzana explicou que esta iniciativa, “ademais de contribuír a mellorar a cualificación profesional dos galegos e galegas, permitirá flexibilizar a formación en dúas vertentes”. Así, facilitará por unha banda a conciliación e, pola outra, o acceso á mellora da formación ás persoas residentes no rural ou a aquelas que teñan limitada a súa capacidade de desprazarse.

PUBLICIDADE