Galicia impulsa a primeira lei nacional contra a violencia e o acoso dixital
martes, 23 de xuño do 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel de Galicia na vangarda da loita contra a violencia dixital grazas ao impulso da primeira lei nacional neste ámbito, a Lei de Violencia e Acoso Dixital. Definiu a futura norma como unha iniciativa «pioneira en Europa», na que xa traballa o Goberno galego coa previsión de aprobala antes de que remate o ano e coa intención de que poida servir de referencia para futuras regulacións.
«Queremos que sexa unha lei integral e estamos orgullosos de que sexa a primeira; oxalá cunda o exemplo e, nalgún momento, nos acompañen outras moitas comunidades autónomas», afirmou Rueda durante a clausura da xornada formativa do Observatorio Contra a Violencia Doméstica e de Xénero, organizada polo Consello Xeral do Poder Xudicial. No acto estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. O presidente tamén destacou a relevancia destas xornadas, que se celebran por primeira vez en Galicia.
Explicou que a nova norma pretende ofrecer unha resposta eficaz fronte a condutas como o ciberacoso ou a difusión non consentida de contidos de carácter sexual. O texto legal buscará garantir a protección das vítimas destes delitos, favorecer a súa recuperación integral e contribuír á restauración da súa reputación.
Tamén salientou que a lei proporcionará ás familias ferramentas para identificar posibles delitos e protexerse dos riscos asociados ao uso da rede.
Co obxectivo de asegurar a correcta aplicación das medidas previstas, Galicia converteuse tamén na primeira comunidade autónoma en formar en violencia de xénero dixital a todo o persoal técnico que traballa directamente coas vítimas. Neste marco, Rueda apelou á implicación de toda a sociedade ante unha realidade na que as novas tecnoloxías ofrecen grandes oportunidades, pero tamén facilitan novas formas de delincuencia que poden afectar a calquera persoa, especialmente á mocidade e ás mulleres.
O presidente incidiu ademais en que a formación, a implicación social e a detección temperá constitúen ferramentas fundamentais para sensibilizar á cidadanía e preparar os empregados públicos para responder con rapidez e eficacia ante calquera manifestación de violencia, por pequena que sexa.
Unha traxectoria pioneira en protección e recursos
O xefe do Executivo galego lembrou que Galicia leva anos desenvolvendo políticas de loita contra a violencia de xénero e foi a primeira comunidade autónoma en aprobar unha lei específica nesta materia, adaptada hai cinco anos para incluír expresamente as vítimas de violencia dixital e de trata. Tamén destacou que Galicia foi pioneira en España ao establecer unha prestación económica periódica anual para as vítimas, complementaria á existente no ámbito estatal.
«E, por suposto, mantemos todos os recursos que seguen sendo, por desgraza, necesarios, como casas de acollida, axuda psicolóxica urxente, perspectivas laborais... Todo o que oxalá, nalgún momento, deixara de ser necesario», sinalou.
Rueda puxo igualmente en valor o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) e dos catro vehículos móbiles postos en marcha este ano para achegar os servizos de atención ao medio rural e aos ámbitos universitarios das catro provincias galegas.
