Galicia incorpórase ao sistema de intelixencia turística de SEGITTUR
martes, 22 de xullo do 2025
A Xunta e a Sociedade Estatal para a Xestión das Innovacións e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR) asinaron esta mañá en Santiago un protocolo de actuación para impulsar o modelo de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) en Galicia, que permite a incorporación de Galicia ao Sistema de Intelixencia Turística (SIT).
O acordo foi subscrito polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; e o presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez, co obxectivo de impulsar a participación da comunidade galega tanto no modelo DTI como no Sistema de Intelixencia Turística (SIT).
Mediante o acordo, entre outras cousas, Galicia poderá acceder aos datos que forman parte do SIT ao tempo que poderá tamén traballar no desenvolvemento e integración doutros datos de fontes de información pertinentes para a xestión do destino Galicia, ao tempo que impulsa a transformación dixital dos destinos e zonas turísticas galegas.
Merelles salientou a relevancia da sinatura deste acordo que “permitirá o tratamento ordenado dos datos turísticos que se recompilen”, unha acción, dixo, está aliñada co traballo desenvolvido xa na Xunta de monitoraxe a través de ferramentas propias como o cadro de mandos ou a instalación de sensores no Camiño, o que “facilitará planificar e xerar políticas turísticas que contribúan a seguir avanzando nas liñas estratéxicas de deslocalización e desestacionalización da nosa oferta turística”.
Pola súa banda, Julián Cerviño destacou o grado de consolidación nesta Comunidade do Sistema de Intelixencia Turística en aspectos como a caracterización da demanda ou a análise da rendibilidade económica do sector, así como “a posta en marcha da dixitalización dos itinerarios do Camiño de Santiago, que vai permitir a virtualización deste importante recurso turístico baixo o concepto de xemelgo dixital”.
O presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez, sinalou que acordo “supón un impulso e coordinación do modelo de destinos turísticos intelixentes, deseñado pola Secretaría de Estado de Turismo, o que contribuirá á unha mellora da xestión dos destinos turísticos, que sen dúbida repercute na competitividade das empresas, na mellora da experiencia dos turistas e na calidade de vida dos residentes”.
Entre as actuacións previstas inclúese o deseño e desenvolvemento dun programa de traballo conxunto en materia de DTI para promover a extensión do modelo na comunidade, así como a incorporación de Galicia ao SIT, un instrumento baseado na análise exhaustiva de distintas fontes de información creado exclusivamente por SEGITTUR.
Así mesmo, ambas as partes promoverán conxuntamente a formación e capacitación, realización de conferencias e seminarios especializados para a ampla difusión do modelo de Destinos Turísticos Intelixentes e/o do Sistema de Intelixencia Turística (SIT) na Comunidade Autónoma de Galicia.
