Galicia incrementará en 30 o número de salas de vistas dixitais

xoves, 14 de novembro do 2019 Redacción

A Xunta anunciou hoxe que o camiño da transformación tecnolóxica da nosa Xustiza está a piques de acadar a implantación da 30 novas salas de vistas dixitais. O dato foi achegado polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín, que visitou, xunto coa delegada Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a Audiencia Provincial da cidade ourensá, unha das 19 salas de vistas sen papeis (e unha das tres da cidade das Burgas) plenamente operativas na nosa terra, ás que haberá que engadir outras 30 en datas vindeiras.
Segundo fixeron saber, estes espazos adaptados ás esixencias da Administración Electrónica están dotados dun equipamento tecnolóxico de última xeración con micrófonos dixitais, cámaras de vídeo de alta definición no estrado e no fondo da sala con zoom, videoconferencia integrada, posto de control para seguir a sesión, pantalla para visualizar a sala desde as diferentes fontes e tomas de datos para a conexión dos equipos.
O modelo completase cun sistema de gravación dos xuízos con sinatura dixital eFidelius que xa está implantado no 95% das salas de vistas de Galicia. Tamén dispón da aplicación Séneca JC, para que o persoal xudicial poida controlar os equipos a través da selección de escenarios predefinidos. Por outra banda, os equipamentos compleméntanse con sistemas de vídeo e son de meirande calidade e, grazas á dita ferramenta, acceso ao Expediente Xudicial Electrónico a disposición dos xuíces e dos fiscais. “Este modelo”, recordaron, “posibilita a visualización e gravación de probas físicas e que o xuíz poida examinar con antelación os elementos que se soliciten expoñer, ao mesmo tempo que se facilita a participación de persoas desde fóra da sala con garantías para testemuñas protexidas e menores”.

PUBLICIDADE