Galicia intensifica a colaboración con Cataluña para potenciar as dúas únicas fábricas de IA de España
xoves, 13 de novembro do 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, desprazouse hoxe a Barcelona para participar nunha xornada de traballo centrada na I+D+i, co propósito de intercambiar experiencias entre ambas comunidades autónomas e favorecer novas sinerxías e colaboracións. No marco desta visita, o representante do Goberno galego achegouse ao Barcelona Supercomputing Center (BSC), centro que, xunto co CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), será unha das institucións que acolla unha das 19 novas fábricas europeas de intelixencia artificial, situando España entre os tres únicos países que disporán de dúas factorías deste tipo.
A viaxe do conselleiro ten como obxectivo coñecer en detalle o modelo catalán, manter o intercambio de estratexias nesta área e explorar posibles vías de colaboración, tanto no ámbito administrativo como na interacción entre sistemas de investigación. A iniciativa dá continuidade á visita realizada a Galicia en outubro pola conselleira de Investigación e Universidades da Generalitat, Núria Montserrat.
Durante o encontro, o representante da Xunta trasladou o seu agradecemento á súa homóloga catalá e destacou o traballo desenvolvido pola Generalitat en materia de I+D+i. “É importante coñecer outros modelos, supón un reforzo para mellorar as nosas políticas públicas”, afirmou Román Rodríguez, quen cualificou a reunión como “unha oportunidade para establecer colaboracións, especialmente na computación cuántica e a intelixencia artificial”.
Na visita, o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; polo director científico do CESGA, Lois Orosa; e polo responsable do equipo de Cuántica do CESGA, Andrés Gómez Tato.
Galicia e Cataluña son, a día de hoxe, as únicas comunidades autónomas españolas que contarán con fábricas de IA, o que evidencia o impulso que ambas están a dar ás tecnoloxías profundas. “É un fito que debemos aproveitar e estreitar as nosas colaboracións”, indicou Román Rodríguez, quen lembrou que a cooperación entre o BSC e o CESGA xa existe a través da Rede Española de Supercomputación e que se verá reforzada coas novas factorías europeas.
Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas
O conselleiro galego participa tamén este xoves na presentación dos resultados científico-técnicos do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas a nivel estatal, un ámbito no que Galicia se consolida como referente nacional e internacional. Esta área constitúe un dos eixes estratéxicos para a Comunidade, segundo recolle o Plan galego de investigación e innovación 2025-27, polo seu elevado potencial transformador tanto na economía como no avance da I+G+i.
No caso galego, as tres universidades públicas e o CESGA colaboraron no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas e no fortalecemento da ciberseguridade en España, logrando fitos destacados como a despregadura da liña de comunicación cuántica terrestre máis longa do país (e unha das principais de Europa), que supera os 120 quilómetros entre Vigo e Santiago de Compostela.
Ademais, o conselleiro aproveitou a súa estadía en Cataluña para asistir á xornada Cataluña mira ao ceo, vinculada ao eclipse que terá lugar o próximo mes de agosto e concibida como unha oportunidade para promover a divulgación científica.
