Galicia intercambia experiencias con outros países sobre a aplicación das TIC ao sector turístico

venres, 21 de setembro do 2012 Raquel Noya

Os responsables do proxecto internacional I-Speed, unha iniciativa europea posta en marcha para buscar medidas de desenvolvemento sostible que se apoien nas TIC, escolleron o Hostal dos Reis Católicos para celebrar alí a súa conferencia final, un acto co que pechaban o traballo levado a cabo conxuntamente nos últimos meses.
Neste escenario, no que se funden tradición e innovación de xeito sublime, os dez socios procedentes de nove países europeos, entre os que se atopa Galicia, propuxeron medidas e ferramentas coas que fomentar a competitividae e sostibilidade da economía do Turismo, a partir, sobre todo, do uso das TIC.
Os dez socios do proxecto deron a coñecer durante a conferencia as tres actuacións que xurdiron do traballo realizado de maneira conxunta, que consisten, basicamente, nunha guía de boas prácticas, nun informe de transferibilidade e máis nun informe de recomendacións políticas, que xa están dispoñibles na web oficial do proxecto.
O encontro foi organizado pola Secretaría Xeral para o Turismo, o organismo que representa ao noso país no proxecto, que lle aportou ao proxecto a súa experiencia na creación e posta en funcionamento da Central de Reservas en liña de Turismo Rural de Galicia a través de Turgalicia.
Durante a súa intervención, José Paz destacou tamén a posta en marcha da ferramenta Comparte Galicia, que a Xunta transferiu da experiencia Only Warsaw do socio polaco do proxecto.
En relación con isto, o Goberno estuda a posibilidade de implantar na súa web turística unha plataforma de descarga e visualización de vídeos, para que sexan os propios turistas os que aporten a súa visión do territorio, ofrecendo así un “plus de confianza para o visitante”, apuntou Paz.
Powys Connected é outra das experiencias tecnolóxicas citadas na conferencia que están a ser estudadas por Galicia, porque se basea na análise das necesidades tecnolóxicas das PEME e ofrece unha liña de axudas para a implantación de tecnoloxías, e unha web específica para a comunicación directa coa administración turística nesta materia.
O Director Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Gonzalo José Ordóñez Puime, que tamén participou neste acto de clausura, resaltou a aposta Xunta polas TIC para dar a coñecer o destino Galicia. Así, recalcou que “Turgalicia ten sido a primeira institución turística de España en contar cun Contact Center Social Media, pasando de prestar un servizo reactivo a prestar un servizo proactivo aos potenciais viaxeiros”, engadiu.
Tamén resaltou a posta en funcionamento no xeodestino Ribeira Sacra de 21 oficinas virtuais de turismo; o Libro de Pedra; as redes sociais corporativas de Turismo de Galicia; a aplicación para smartphones de sendeirismo ou enoturismo ou a web de sinaléptica, entre outras cousas; así como a participación do noso gabinete responsable de turismo en seminarios Webinar e en encontros e feiras virtuais como a Conexión Spain Virtual de Canadá.
Neste proxecto tecnolóxico, que botou a andar en 2010, ademais de Galicia participan outros socios de Italia, Noruega, Polonia, Bulgaria, Creta, Gran Bretaña, Romanía e Francia.

PUBLICIDADE