Galicia loce investigación e innovación ante unha delegación internacional de RAICEX
mércores, 5 de novembro do 2025
Unha delegación de investigadores e representantes de varias asociacións membro de RAICEX, a Rede de Asociacións de Investigadores e Científicos Españois no Exterior, visita estes días Galicia cun dobre obxectivo: coñecer en profundidade o noso ecosistema de I+D+i, as súas capacidades e fortalezas, e manter reunións de traballo con investigadores galegos que poidan derivar en proxectos científicos conxuntos.
A fío desta estadía en Galicia, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, recibiu á delegación para darlle a coñecer o traballo da Xunta de Galicia nesta materia.
A visita enmárcase no acordo de colaboración que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP mantén con RAICEX e que propiciou que, nos últimos tres anos, representantes da I+D+i galega participasen nunha ducia de eventos das asociacións de científicos do Reino Unido, Francia, Alemaña, Bélxica, Suecia e Dinamarca, entre outros países.
“RAICEX e as súas asociacións son socios clave para proxectar internacionalmente a investigación que se fai en Galicia”, sinalou Carmen Cotelo, que considera esta visita “un paso adiante para dar visibilidade a nosa I+G+i entre as asociacións e que poidan ser os seus prescritores no exterior, pero tamén queremos facilitar que xurdan colaboracións científicas internacionais con potencial para captar fondos europeos”.
Esta delegación está composta por representantes das asociacións de investigadores españois nos países bálticos (ACE Baltic) e en Noruega (IENO), así como por profesionais que responderon a unha convocatoria de interesados en conectar con persoal científico galego para explorar posibles colaboracións e que traballan no NORCE Norwegian Research Centre, no KTH Royal Institute of Technology (Suecia), na Universidade de Bergen (Noruega) e na Universidade de Copenhague (Dinamarca).
Durante a visita, que se prolongará ata o venres 7, os membros da delegación terán a oportunidade de achegarse ao ecosistema galego de I+D+i, do que forman parte as tres universidades públicas e os seus centros de investigación, os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), as fundacións de investigación sanitaria, os organismos públicos de investigación da Xunta de Galicia e os centros tecnolóxicos agrupados na Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia, entre outros.
O programa arrincou este mércores 5 de novembro en Santiago e, tras a visita á Axencia Galega de Innovación, terán a oportunidade de coñecer a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e dous dos seus centros de investigación, o Centro Singular de investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e o Centro Singular de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), así como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Tamén poderán reunirse con axentes doutras entidades de investigación.
Este xoves achegaranse ata A Coruña para coñecer a Universidade da Coruña (UDC), con especial atención ás áreas de servizos á investigación e captación de talento. Coñecerán tres dos seus centros de investigación: o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) e o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), entre outras visitas. Finalmente, a xornada do 7 de novembro desenvolverase na Universidade de Vigo (UVigo) para manter reunións con investigadores da Facultade de Química, do Centro de Investigación Mariña (CIM), do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) ou do Centro de investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), así como do centro tecnolóxico ANFACO-CYTMA, entre outros.
