Galicia loce poder de transformación na 3ª feira internacional S4i
xoves, 30 de xaneiro do 2025
Estes días (mércores e xoves 29 e 30 de xaneiro) unha delegación innovadora galega participa en Madrid na feira internacional Science for Industry-S4i, terceira edición duns encontros internacionais arredor da Deep Science, organizados en La Nave pola Universidade Autónoma de Madrid e BeAble Capital e dirixidos a visualizar a visión de futuro da industria, unindo ciencia e tecnoloxía co sector empresarial. Trátase dun punto de encontro para líderes industriais e científicos e tamén unha plataforma para que as startups, as empresas establecidas e os centros de xeración de coñecemento e capital risco colaboren e co-lideren o camiño cara a un futuro próspero.
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, participou este mércores na inauguración deste evento. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP encabeza a delegación galega que participa na feira internacional S4i. No stand institucional da Xunta participan máis dunha vintena de entidades do ecosistema galego de I+D+i, entre universidades, centros tecnolóxicos, clústeres, fundacións, entidades de capital risco, aceleradoras e administración, que buscan explorar novas oportunidades de negocio para os seus proxectos.
A participación neste evento enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que ten como obxectivo conectar o gran potencial da ciencia excelente e o entorno empresarial para converter a investigación en solucións de mercado.
Participan no stand institucional as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), os centros tecnolóxicos ANFACO-CECOPESCA, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Centro Tecnolóxico Gradiant e Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), os clústeres BIOGA, Clúster de Saúde de Galicia e Clúster TIC, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA) e as entidades de capital risco UNIRISCO e a aceleradora BFAero, así como empresas asociadas a estas entidades.
O Programa Ignicia é unha iniciativa da Xunta que contribúe desde 2016 á transformación do modelo económico en Galicia. Destaca o apoio do programa a 32 proxectos, a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs e 3 acordos coa industria), a creación de máis de 140 empregos altamente cualificados ou a captación de máis de 26 millóns de euros en investimentos e financiamento público-privado.
A participación da UVigo
A Universidade de Vigo detallou na Rede a súa participación na feira S4i, a través da Oficina de I+D, que sinalou que estamos ante “unha ocasión excepcional para presentar á nosa universidade como un aliado estratéxico para o tecido produtivo e unha boa oportunidade para que os traballos da comunidade investigadora cheguen á sociedade”.
Completan a delegación da UVigo representantes da spin-off Spectrumgrid, liderada polo investigador Pablo Breogán Sánchez, que se dedica á prestación de servizos de rastrexabilidade material e dixital de fibras e tecidos. Participa, neste caso, no programa Call for startups – S4I, onde se lle dá a oportunidade de presentar a investidores e representantes do ecosistema de emprendemento tecnolóxico nacional e internacional a súa actividade e os seus plans de futuro.
Tamén están presentes no evento os representantes dos proxectos Ignicia-Proba de Concepto da Universidade de Vigo MytUniSex e edgecontinuum, que están a desenvolver e madurar os seus resultados da investigación no eido da produción intensiva de mexillóns unisex e nas comunicacións de redes 5G e o edge computing, co obxectivo de crear, ao final do proxecto en 2026, sendas spin-off que comercialicen os produtos e servizos derivados da investigación. Os directores executivos destas futuras compañías (Manuel García, de MytUniSex, e Miguel Faro de edgecontinuum) acoden a Madrid co obxectivo de xerar contactos, reunirse con posíbeis parceiros e dar a coñecer a súa iniciativa empresarial aos investidores e empresas de capital risco que participan na feira.