Galicia mostra os seus avances en I+D a un grupo de expertos en transferencia de Oxford

martes, 11 de xullo do 2023 S. P.

Un grupo de especialistas en innovación e transferencia de coñecemento de Oxford visitou Galicia para coñecer os avances do noso ecosistema de I+D+i e establecer fórmulas de colaboración. Ao abeiro da súa axenda, mantiveron varias reunións con representantes da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, da Fundación Barrié, das tres universidades galegas, da alianza dos centros tecnolóxicos galegos (ATIGA), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e das fundacións sanitarias galegas.
Á fronte da expedición británica atopábase Oxentia, unha consultora especializada na xestión da innovación que naceu como unha división operativa dentro da entidade líder mundial en transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, Oxford University Innovation. Esta consultora imparte accións formativas dirixidas a persoal investigador e persoal xestor de transferencia que se enmarcan no Programa Ignicia, promovido por GAIN e a Fundación Barrié para acurtar a distancia dos proxectos de Investigación e Desenvolvemento galegos con relación ao mercado empresarial.
O equipo de Oxentia tamén participou na sesión de presentación da primeira edición do programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais (HCS) de Ignicia, que se celebrou na mañá deste martes 11 de xullo en Santiago de Compostela e que se impartirá de outubro a decembro de 2023. Trátase dunha acción pioneira en España nestes ámbitos de coñecemento, de carácter gratuíto e dirixida tanto a persoal investigador como a persoal de xestión da transferencia, que ofrece sesións de formación, obradoiros e entrevistas con mentores para os proxectos máis prometedores.