Galicia, no quinto posto no emprego de facturas electrónicas

luns, 4 de xullo do 2016 Redacción

Galicia vén de situarse no quinto lugar da clasificación de Comunidades no uso de facturas electrónicas. Así o certifica o Estudo de Implantación da Factura Electrónica en España, Seres 2016, onde os datos relativos á nosa terra amosan como fomos quen de incrementar nun ano a proporción dos ditos documentos dixitais emitidos nun 1,88%. Ademais, o estudo sinala que a taxa de firmas galegas emisoras polos vieiros tecnolóxicos tivo un incremento do 1,63%, chegando a unha taxa do 9,91% do total do ámbito español. Pola súa banda, as receptoras experimentaron unha suba do 0,50%, acadando o 7,41% do total. O devandito ranking está liderado por Catalunya, Madrid, Andalucía, Valencia e, como dixemos, Galicia.
A investigación, feita pola empresa Seres (centrada en servizos de intercambio electrónico seguro de documentos), tamén sinala que Galicia subiu o seu ratio até acadar o 4,10% do total das facturas electrónicas emitidas en España e o 7,52% das recibidas. O informe avaliou o nivel de espallamento destes recursos e procedementos no sector produtivo estatal e por comunidades. A consultora Seres achega anualmente este tipo de informes co obxectivo de subministrar un indicador fiábel sobre o nivel de afianzamento da factura electrónica e, tamén, sobre a súa evolución no tempo.

PUBLICIDADE