Galicia, no segundo posto das Comunidades que máis apostan por especialistas en IA nas empresas

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

O observatorio OSIMGA, dependente da axencia autonómica AMTEGA, presentou e debullou os detalles dun novo estudo para axudarnos a coñecer (e recoñecer) a realidade tecnolóxica na que vivimos e na que nos estamos a mergullar. O informe (estatal pero con datos pormenorizados por Comunidades) pon o foco na nova faciana do comercio, cada vez (e máis despois da COVID) máis envorcado no ámbito electrónico. Segundo se fai saber, a día de hoxe máis dun 13% das empresas da nosa terra conta con perfís dixitais. Por outra banda, ocupamos a segunda posición estatal en empresas que contratan especialistas en Intelixencia Artificial (e o noveno posto na fichaxe de profesionais da ciberseguridade).
Os perfís máis habituais entre as empresas que contratan este tipo de profesionais son os especialistas en xestión do dato, que representan un 8%, seguidos dos expertos, seguidos de profesionais de ciberseguridade (5,1%), e expertos en Intelixencia Artificial que supoñen un 2,1%. Estas son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2020/2021 publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O estudo engade que os datos tamén reflicten o impacto da COVID-19 na adopción do teletraballo. Así o 45,3% das empresas de máis de 10 empregados afirma contar con persoal que teletraballa, o que sitúa a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma con maior uso desta modalidade.
En canto ao uso de tecnoloxías disruptivas, o 23,6% das empresas de 10 ou máis empregados de Galicia utilizaron dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das cousas), o que representa un crecemento do 41,7% no último ano. Ademais, o 9,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores empregou Big Data, experimentando un crecemento do 1,7% no último ano.
Un 7,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utiliza algún tipo de tecnoloxía de Intelixencia Artificial, o que as sitúa na 9º posición na clasificación por Comunidades.
O 11% das microempresas empregou algún servizo de Computación na Nube, situando a Galicia como cuarta comunidade autónoma con maior uso deste servizo. Nas grandes empresas tamén medra o dato, un 12,9% no último ano, ata situarse no 23,7%.
En canto á contratación de Internet, a practica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis empregados (99%), dispón deste servizo contratado. Deste xeito Galicia sitúase no sétimo posto no ranking por Comunidades Autónomas, fronte ao 14º do ano anterior. No caso das microempresas galegas, ese indicador sitúase no 80,9%, un 3,1% máis que no último ano.
En canto ao tipo de conexión o 97,6% das empresas de 10 ou máis traballadores dispoñen rede Internet fixa, superando lixeiramente a media estatal (97,4%) e un 83,4%de banda larga móbil. No caso das microempresas, un 77,4% dispón de conexión a Internet fixa e un 78,9% a través de conexión móbil a Internet.
O uso das redes sociais segue aumentando ata acadar o 62,5% entre as empresas de 10 ou máis empregados e o 39,4% entre as microempresas, ocupando así o 2º lugar entre todas as comunidades autónomas.
As empresas de 10 ou máis empregados superan en máis de dous puntos porcentuais a media estatal de uso de software de código aberto, utilizándose no 85,2%.

PUBLICIDADE