Galicia, novena comunidade no mapa da industria 4.0 en España

luns, 20 de setembro do 2021 S. P.

A plataforma Atlas Tecnolóxico, punto de encontro en liña onde se conectan os axentes innovadores dos sectores máis avanzados do ámbito estatal, vén de crear un mapa da Industria 4.0 en España que inclúe datos das máis de 1.600 empresas identificadas polos seus vencellos a esta nova revolución empresarial e industrial, que se caracteriza polos importantes ingredientes de automatización, eficiencia, sustentabilidade, intelixencia e conectividade quen pon en xogo. O mapa esta segmentado por tecnoloxías e por Comunidade Autónoma, facilitando a procura de provedores de proximidade. No caso de Galicia é a novena da clasificación.
A nosa terra ocupa o noveno posto do ranking de comunidades con máis empresas 4.0 cun total de 51 firmas. En canto ás tecnoloxías nas que se especializan estas empresas galegas destacan as que citamos a continuación: Desenvolvemento de Software con 9 empresas, Consultoría Tecnolóxica e Informativa con 8, Análise de Datos a gran escala e Big Data con 5 e Fabricación Aditiva-Impresión 3D e IoT (Internet das Cousas) con 4 cada unha delas.
Até a data, Atlas Tecnolóxico identificou 1.633 empresas de sectores como a Consultoría Tecnolóxica e Informática (275), a Automatización e Industrialización de Procesos (182), a Fabricación aditiva e a Impresión 3D (90), a Internet das Cousas, IoT, (179), a Análise de Datos e o Big Data (196), a Computación na Nube (Cloud Computing) (95), a Robótica (75), a Realidade Aumentada (39), a Ciberseguridade (95), a Intelixencia Artificial (99), os vehículos autónomos (automatic guided vehicle) (13), o Prototipado (57), as Smart Cities (69), o Deseño Industrial (129), e os desenvolvementos de Software (268).
Do total de empresas, 504 están radicadas en Cataluña, 357 na Comunidade de Madrid, 277 na Comunidade Valenciana, 171 en Murcia, 155 en Castela e León, 106 en Euskadi, 96 en Andalucía, 60 en Aragón, 41 en Galicia, 33 en Asturias, 21 en Navarra, 15 en Estremadura, 13 en Cantabria, 10 en Castela a Mancha, 9 na Rioxa, 7 en Canarias e 1 en Baleares.
“Son todas as que están”, indican dende Atlas Tecnolóxico, “e o noso obxectivo é seguir ampliando o mapa ata que estean todas as que son. Estamos ante un mapa de tecnoloxías sen precedente en España, pola enorme mostra de empresas, e está concibido para ser dinámico, en continua actualización. Esta iniciativa forma parte do noso compromiso de vixilancia tecnolóxica, sabemos que dando visibilidade a toda esta industria auxiliar, a Industria 4.0 crecerá exponencialmente no noso país, modernizando o tecido produtivo e ese é o noso obxectivo”.

PUBLICIDADE