Galicia prepara unha lei autonómica para unha IA centrada nas persoas

martes, 11 de febreiro do 2025 S. P.

Esta mañá celebrouse no Parlamento galego o debate de totalidade do Proxecto de Lei autonómica para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiábel e centrada nas persoas.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmaba esta mañá que Galicia contará cunha lexislación rexional para o desenvolvemento da IA con tres obxectivos principais: dispoñer dunha IA segura e salvagardar os dereitos da cidadanía, mellorar a eficacia da Administración autonómica e a súa relación coa cidadanía e consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa nesta materia.
Asemade, engadiu que o seu bo uso achegará vantaxes competitivas esenciais ás empresas e facilitará resultados positivos en sectores tan importantes como a saúde, a agricultura, a educación, a administración de infraestruturas, a enerxía, o transporte, os servizos públicos, a seguridade e a xustiza.
Amais disto, subliñou que a Lei regula o uso por parte da Administración dunha tecnoloxía que permite mellorar as predicións para axudar a tomar decisións, optimizar operacións e personalizar solucións dixitais.
“Esta tecnoloxía permite tamén reducir tempos e liberar ás persoas que traballan na Administración de tarefas repetitivas ou de busca de documentación”, salientando que, durante a pandemia, empregáronse sistemas intelixentes para a tramitación de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, que permitiron adiantar en máis dun mes a recepción das prestacións por parte das persoas afectadas.
Neste senso,quixo lembrar a posta en marcha, no ámbito da saúde, dun proxecto piloto para o uso da intelixencia artificial na detección precoz do cancro de mama. E, no medio rural, resaltou o desenvolvemento dun sistema de Inspeccións Intelixentes Avanzadas para mellorar a eficiencia dos controis derivados da Política Agraria Común.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública incidiu en que a nova lei regula que sistemas de IA se poden desenvolver ou mercar desde a Administración e como se deben empregar; asegura que as persoas teñan sempre a última palabra, e establece cal é a responsabilidade e funcións de cada un dos servidores públicos e entidades no proceso de planificación e implantación desta tecnoloxía. Amais de fomentar a implantación dunha intelixencia artificial axeitada aos intereses estratéxicos de Galicia, por parte das empresas e da sociedade.