Galicia presenta nove proxectos innovadores á Liña FID do Ministerio de Ciencia
martes, 9 de xullo do 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, clausurou esta mañá o acto de presentación dos proxectos impulsados por diferentes departamentos da Xunta que participan na convocatoria da Liña de Fomento da innovación desde a demanda (FID) de Compra Pública de Innovación (CPI) promovida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Na xornada interveu tamén a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, entidade que impulsa na Xunta de Galicia o proceso de identificación de desafíos, desenvolvemento das ideas e valoración das propostas recibidas.
Rodríguez destacou “a posición de referencia da nosa Comunidade a nivel estatal en Compra Pública de Innovación, con nove iniciativas moi diversas presentadas ás liñas de Fomento da innovación desde a demanda”. E engadiu: “Somos referentes nacionais neste eido porque cremos no valor da I+D+i e na calidade e talento que atesoura o noso sector tecnolóxico”.
As iniciativas que concorren á Compra Pública de Innovación abranguen desde solucións con hidróxeno verde, emprego de vehículos aéreos non tripulados, fomento da aprendizaxe da Intelixencia Artificial nas aulas ou melloras na atención médica personalizada, entre outras.
O conselleiro felicitou a todos os departamentos implicados polo traballo realizado “que volve poñer de manifesto o poder de tracción que posúe Galicia e a súa aposta polo fomento da innovación desde a Administración”.
A Compra Pública de Innovación é un instrumento de fomento da innovación orientado a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras desde o lado da demanda a través do instrumento da contratación pública. O obxectivo é “mellorar os servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores, o fomento da innovación empresarial e o impulso á internacionalización da innovación empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia”.
Rodríguez lembrou que entre 2007 e 2020 Galicia executou preto de 252 millóns de euros a través deste instrumento. Nestes momentos, no marco que vai ata 2027, xa se están a executar máis de 75 millóns de euros, con perspectiva de incremento a través de novas propostas.
Sustentabilidade, educación e saúde
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou ao proceso o proxecto SICLE CO2, cun orzamento de 6,8 millóns de euros. A proposta ten como obxecto o desenvolvemento de solucións innovadoras que promovan unha compensación de emisións de proximidade que axuden ademais de forma máis directa á redución da pegada de carbono en Galicia. A tal efecto, prevese un banco de parcelas público, unha plataforma de colaboración para o intercambio de compensacións, o seguimento de proxectos de compensación e unha ferramenta preditiva para determinar a absorción de CO₂ dos terreos agrícolas e as áreas costeiras en Galicia.
Esta consellería presenta tamén Augatech. Cun orzamento de 6 millóns de euros, a proposta prevé o desenvolvemento de ferramentas de Intelixencia Artificial para mellorar a información á cidadanía e para crear un xemelgo dixital dos ríos da cunca hidrográfica de Galicia-Costa, coa finalidade de aumentar a transparencia e mellorar a xestión dos recursos hídricos fronte o cambio climático.
Pola súa banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP concorre con EdugalIA. A finalidade da proposta, cun orzamento de 16 millóns de euros, é mellorar a equidade e calidade do sistema educativo galego, especialmente nas súas etapas de ensino obrigatorio mediante unha gobernanza ben fundamentada e informada e baseada en evidencias, o expediente dixital único do alumnado e o establecemento dun novo modelo no acceso de alumnos e familias á información de interese en materia educativa, cun punto único de contacto e ferramentas informáticas específicas.
A Consellería de Economía e Industria impulsa cinco proxectos. Un deles é o Centro Galego de Experimentación en almacenamento enerxético e solucións innovadoras vinculadas ao hidróxeno verde, cun orzamento de 7 millóns de euros. A proposta procura o desenvolvemento e implantación dun centro demostrador (en rede) para a posta en marcha de solucións innovadoras para aumentar as capacidades industriais en materia de produción, almacenaxe, transporte, distribución e consumo de hidróxeno renovábel (prototipo de xeración de hidróxeno verde a partir de auga de mar).
Cun investimento previsto de 15 millóns de euros, Solucións Civil UAVs Initiative 2030 ten como obxectivo o desenvolvemento de solucións empregando tecnoloxías de vehículos aéreos non tripulados en cinco ámbitos (terras produtivas e protección da paisaxe, Parque Natural das Illas Atlánticas, repoboación e patrimonio natural, estradas seguras e sociedade segura).
Pola súa parte, Smartmin Tech, con 8,5 millóns de euros de orzamento, está orientado á obtención e dixitalización de datos xeolóxico-mineiros de Galicia, cun sistema de información avanzada e unha plataforma de xestión. Así mesmo, compleméntase co desenvolvemento de solucións innovadoras relacionadas coa integración ambiental e a economía circular.
Innomar conta cun orzamento de 5,2 millóns de euros para desenvolver novas solucións tecnolóxicas para a zona experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira (Arteixo, A Coruña). Contempla o deseño, desenvolvemento e implementación dunha estrutura que albergue un multiconector flotante e sensorizado que permita a interconexión de prototipos de xeración eléctrica renovábel no medio mariño.
Finalmente, Solucións innovadoras con base en recursos forestais de proximidade prevé un investimento de 3 millóns de euros para dar solucións baseadas na natureza, novas técnicas de rehabilitación e materiais sostíbeis para as construcións tradicionais dos núcleos rurais galegos.
Precisaúde é o proxecto da Consellería de Sanidade nesta convocatoria. Cun orzamento de 20 millóns de euros, a proposta baséase na medicina 5P (personalización, prevención, predición, participación e poboación) procurando solucións innovadoras de biomarcadores en oncoloxía, sistemas de simulación innovadores, solucións de análise xenómico avanzado integrado e solucións innovadoras de terapias.
En caso de ser aprobados, o Ministerio financiará parte do orzamento con fondos FEDER plurirrexional e a Xunta de Galicia o restante con fondos propios.