Galicia prohibirá gravar as clases sen autorización e a difusión dos exames dos alumnos en redes sociais

luns, 13 de abril do 2026 S. P.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este luns 13 de abril que a futura Lei de Educación Dixital de Galicia prohibirá a gravación das clases sen autorización por parte das familias, dos alumnos ou de terceiras persoas alleas ao persoal docente. Así o recolle o anteproxecto, cuxa redacción vén de ser rematada, e que este luns analizou o Consello da Xunta para proceder á súa exposición pública nos vindeiros días. Este será un dos últimos pasos para a súa validación definitiva e remisión ao Parlamento para o seu debate e aprobación (antes de que remate o ano).
Rueda sinalou que “xa temos moito camiño andado” e que esta norma, pioneira a nivel estatal, recolle no seu articulado as condicións de gravación das sesións educativas e a docencia virtual, facendo fincapé no dereito do profesorado a exercer a súa actividade docente en condicións de respecto e seguridade nas contornas dixitais, do mesmo modo que acontece nas contornas físicas da aula e do centro.
O titular do Executivo galego salientou que a lei establece que, “salvo autorización expresa”, queda prohibida a gravación en audio ou vídeo das sesións da clase, titorías ou calquera outra actividade docente, tanto se son presenciais coma se se desenvolven por medios virtuais. Esta prohibición operará para alumnos, familias e terceiras persoas alleas ao persoal docente. Queda prohibida tamén a súa reprodución ou difusión mediante redes sociais, servizos de mensaxaría instantánea ou calquera outro medio dixital. Especifícase, ademais, que tales condutas poderán ser obxecto de medidas correctoras ou sancións cando se considere que vulneran a privacidade, a imaxe ou outros dereitos de membros da comunidade escolar.
Porén, sinálase, “poderanse gravar clases e actividades con finalidade didáctica unicamente ou de seguimento académico, garantindo en todo caso o respecto aos dereitos fundamentais das persoas participantes”.
O presidente indicou que isto está pensado para casos “moi concretos” como, por exemplo, un alumno cego que non pode seguir a clase e pide gravala para despois seguila na casa, ou clases de instrumentos nos conservatorios.
Teléfonos móbiles
A norma tamén reforzará a prohibición dos teléfonos móbiles nos centros educativos, unha medida pioneira no seu momento. Segundo explicou o presidente, ata o de agora estaba prohibido o emprego dos dispositivos en todo o recinto escolar, pero permitíase o seu uso pedagóxico en todas as etapas educativas, cuestión que agora se acouta a partir de 3º de ESO.
Así mesmo, a lei blinda que a actividade educativa dos estudantes se desenvolva en modo privado, garantindo que o proceso se realice en condicións de dignidade, privacidade e respecto no ámbito dixital. Así, “o profesorado non poderá utilizar, a título individual, en redes sociais ou medios dixitais persoais, imaxes, voz nin outros datos persoais do alumnado derivadas de actividades escolares, incluídos os exames, complementarias ou extraescolares, agás que exista autorización expresa”.
Polo tanto, “queda prohibida a difusión de contidos, tarefas, imaxes, voz ou calquera outro material que poida menoscabar a dignidade, a intimidade ou os dereitos dos alumnos, especialmente cando se realice a través de redes sociais ou medios dixitais alleos ao ámbito institucional do centro educativo”.
Rueda destacou que se estende “á contorna dixital a condición de autoridade pública do profesorado” que xa opera na aula. A partir da entrada en vigor da nova Lei, esta condición recoñecida xa na Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa será igualmente aplicable ás interaccións e actividades que o profesorado desenvolva a través de medios dixitais no exercicio das súas funcións docentes. Así, considerarase que o profesorado actúa no exercicio da súa autoridade pública en contornas dixitais cando a comunicación ou interacción en liña teña a súa orixe ou estea vinculada coas funcións educativas e orientadoras e que se realice a través de plataformas, ferramentas ou medios dixitais, habilitados, facilitados ou recoñecidos polo centro ou a Administración educativa, para fins docentes ou formativos.