Galicia reduce as principais fendas dixitais

luns, 25 de agosto do 2025 Redacción

Máis do 90 % dos fogares galegos situados en concellos de menos de 5.000 habitantes teñen xa contratado servizo de Internet, o que supón un incremento do 11,6 % respecto de 2021. Nos municipios de entre 5.000 e 10.000 habitantes a cifra elévase ao 93,2 %, mentres que nas poboacións de máis de 10.000 habitantes a porcentaxe supera en todos os casos o 96 %. Practicamente a totalidade dos fogares con estudantes (99,9 %) dispoñen de conexión, segundo recolle a Memoria Anual do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA), presentada recentemente.
No tramo de idade de 65 a 74 anos, o 74,8 % declarou en 2024 empregar a Internet, un aumento do 32 % respecto dos datos de 2021. Tamén se rexistrou un avance destacable entre as persoas de 55 a 64 anos, cun incremento do 12,3 % ata acadar o 93,2 %. Nas demais idades a porcentaxe supera o 98 % en todos os casos, chegando ao 99,7 % entre os 16 e 24 anos.
Nos concellos con menos de 5.000 habitantes, a Internet utilízase sobre todo para buscar información sobre bens ou servizos (90,4 %), facer chamadas ou videoconferencias (89,9 %), ler novas (81,7 %), realizar operacións de banca electrónica (77,9 %) ou solicitar cita médica (64,6 %).
No caso das persoas maiores de 65 anos, os usos máis habituais son as chamadas e videochamadas (86,9 %), a procura de información sobre bens ou servizos (79,1 %), a lectura de novas (74,5 %), a banca electrónica (61,7 %) e a petición de cita médica (53 %).
Reducir as fendas derivadas do envellecemento da poboación e do carácter rural de Galicia segue a ser un obxectivo central da modernización tecnolóxica. Para iso, o OSIMGA elabora estudos periódicos que amosan unha clara tendencia á superación destas diferenzas.
En canto á fenda de xénero, Galicia presenta unha particularidade: a porcentaxe de mulleres usuarias da Internet (94,3 %) é lixeiramente superior á dos homes (93,5 %).