Galicia reivindicará a súa arte románica a través de cursos en liña e un programa de podcast
martes, 5 de maio do 2026
A Xunta colabora coa Fundación Santa María la Real para facilitar a divulgación entre a cidadanía do milleiro de bens románicos que conserva Galicia, a través de seminarios presenciais, cursos en liña e un programa de podcast.
Así o deu a coñecer este martes 5 de maio o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, quen salientou que estas actividades de balde, pero con inscrición previa nalgunha delas, “son unha valiosa ferramenta que permitirá os galegos e galegas descubrir ou redescubrir o enorme valor do patrimonio que atesouramos”.
Miramontes destacou que a Comunidade galega atesoura “incontables mostras e testemuños románicos”, polo que considerou “máis que necesarias” proxectos de divulgación cultural, como o que leva a cabo a Fundación Santa María la Real coa iniciativa Redescubre o románico de Galicia, “que se suman ás que tamén impulsamos directamente desde o Goberno galego”, apuntou.
Para levar a cabo esta iniciativa de divulgación, o director xeral de Patrimonio Cultural gabou a traxectoria de máis de catro décadas de traballo do equipo da Fundación, “que suma ademais a experiencia de investigadores no territorio galego”.
Adiantou que está previsto un seminario presencial os días 20 e 21 de maio, no mosteiro de San Martiño Pinario, de Santiago de Compostela. Será de acceso libre ata completar capacidade, polo que se require de inscrición previa.
A esta actividade engádeselle unha divulgación en liña, de carácter aberta e gratuíta, que abrangue un curso didáctico que percorre a evolución do románico en Galicia, que estará dispoñible na plataforma Udemy, especializada neste tipo de formación. Ademais, contarase con tres podcast, que se subirán en plataformas para dar a facilidade de que se poidan escoitar en calquera momento. Finalmente, a través dun portal románico dixital, facilitarse o acceso á Enciclopedia do Románico, unha obra de referencia científica que recolle décadas de traballo e investigación.
