Galicia rexistra máis de 1.200 solicitudes de bonos dixitais do Programa UNICO

luns, 25 de novembro do 2024 Redacción

A última convocatoria do Programa estatal UNICO, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, pechouse en Galicia con 1.212 solicitudes de bonos dixitais, para colectivos vulnerables; 6 para a mellora de conectividade de empresas situadas en polígonos industriais e ningunha para edificios. Estes resultados confirman a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación e as empresas da Comunidade, unha reivindicación que se trasladou desde as comunidades autónomas en reiteradas ocasións.
Ademais de reforzar a difusión e ampliar o prazo de solicitude para as tres liñas de axuda o pasado mes de setembro, a convocatoria de 2024 rexistrou unha baixa demanda, similar a das convocatorias anteriores. Así, os bonos dixitais para colectivos vulnerables, que permitían unha redución mensual de até 20 euros no custe do servizo, recibiron 1.212 solicitudes, das cales xa se concederon 807, que suman un importe de 193.680 euros. Na liña de axudas para dotar de 1G a pemes e micropemes situadas en polígonos recibíronse 6 solicitudes e executouse unha actuación por importe de 16.777 euros. As subvencións de até o 100% para a adaptar as instalacións de telecomunicacións de edificios anteriores a 2001 non rexistraron ningunha solicitude.