Galicia súmase na UNESCO ao Ano internacional da Cuántica en París
martes, 4 de febreiro do 2025
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participou este martes 4 de febreiro na cerimonia de apertura do Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica en París, organizada pola UNESCO, e na que están presentes representantes de máis de 100 países. O representante da Xunta, acompañado da directora da axencia GAIN, Carmen Cotelo, sinalou que Galicia súmase a esta conmemoración como “unha gran oportunidade para contribuír á divulgación desta tecnoloxía e a súa repercusión na vida diaria das persoas”.
Engadiu que “para Galicia é unha área de referencia na que temos moitas potencialidades e recursos, polo que impulsaremos proxectos entorno a ela”. Nun plano máis concreto lembrou que esta tecnoloxía “é unha das áreas estratéxicas do novo Plan de I+D+i” aprobado polo Consello da xunta cun investimento de máis de 1.300 M€.
“Temos grandes oportunidades e grandes recursos: o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGAS), onde presta servizo o computador máis potente do noso entorno; investigadores de referencia e unha liña de traballo estable”, afirmou sobre a posición da nosa Comunidade neste eido que repercute na investigación e nas empresas.
Con motivo do Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica, a Administración autonómica, así como as universidades públicas, os centros de coñecemento e todas as entidades relacionadas con este eido en Galicia, van celebrar un amplo calendario de eventos para impulsar esta tecnoloxía e amosar todo o potencial galego.
O conselleiro lembrou que xa hai pechados oito eventos, aos que se sumarán diversos coloquios, actividades e xuntanzas. O CESGA, xunto coa Universidade de Santiago e a entidade Quantum Spain, organizan o 28 de febreiro e o 7 e 14 de marzo o evento USC Quantum Computing Workshop en Santiago de Compostela. Ademais, o 14 de abril ofrecerán unha clase maxistral en liña orientada a estudantes de Secundaria. Igualmente, CESGA e a USC, xunto con TalentQ, celebrarán webinars todos os martes cada dúas semanas con investigadores que presenten resultados acadados da investigación cuántica.
Xa o 21 de marzo está prevista, tamén na capital galega, a competición USC Haqathon, organizada pola entidade Quorum. No mes de maio presentaranse en Dinamarca, nun evento organizado polo Quantum Safe Internet, as obras do concurso de arte QSI Science Art Contest, organizado pola mesma entidade. En agosto, o CESGA e a Universidade da Coruña participarán na xornada de traballo EuroQHPC con numerosos países da Unión Europea.
Xa en outubro, desenvolverase a segunda conferencia internacional sobre cuántica na Cidade da Cultura dirixida a expertos do sector e organizada por Fujitsu Quantum Centre. Tamén está prevista a asistencia de Galicia ao evento anual que organiza a Comisión europea European Quantum Technologies Conference en Dinamarca.
O Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica conmemora, grazas a unión das sociedades científicas e a declaración das Nacións Unidas, os 100 anos desde o desenvolvemento inicial da mecánica cuántica. Esta iniciativa mundial celebrarase ao longo de todo o ano con actividades a todos os niveis destinadas a aumentar a conciencia pública sobre a importancia da ciencia e as aplicacións cuánticas.