Galicia tivo representación no Comité Sectorial de Administración electrónica celebrado en Madrid

martes, 22 de maio do 2012 Redacción

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, asistiu esta mañá en Madrid ao Comité Sectorial de Administración electrónica. Na xuntanza o Goberno Central debullou as liñas principais do Plan Estratéxico da Dirección Xeral de Modernización Administrativa para impulsar a administración electrónica en relación coas comunidades autónomas.
Galicia está a desenvolver un conxunto de actuacións para implantar a eAdministración aliñadas coa estratexia estatal en canto á optimización do gasto, grazas a aplicación das novas tecnoloxías na Administración, e á reutilización das aplicacións informáticas. Para impulsar a interoperabilidade, é dicir, o intercambio de información e documentos entre administracións, a Xunta actuará como o nodo que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado. Para acadar este obxectivo será fundamental o Centro de Proceso de Datos Integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que entrará en funcionamento este verán.

Mar Pereira asistiu á xuntanza, celebrada en Madrid

A interoperabilidade evita ao cidadán presentar documentos ca mesma información en distintas Administracións, reduce o tempo de xestión e o custe dos trámites e axiliza o tempo de xestión dos procedementos. É un factor fundamental para que os cidadáns poidan resolver as súas xestións coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.
Por outra banda, traballarase na integración dos sistemas de rexistro autonómico e estatal.
Durante a xuntanza do Comité sectorial acordouse que Galicia participará en diferentes grupos de traballo para impulsar estratexias tecnolóxicas que contribúan a modernizar as administracións e acadar unha verdadeira administración electrónica.

PUBLICIDADE