Galicia usará IA para a detección temperá do cancro de mama

luns, 29 de xullo do 2024 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que o Servizo Galego de Saúde vai poñer en marcha este mes de xullo “un proxecto piloto para mellorar o diagnóstico do cancro de mama a través da intelixencia artificial”. O obxectivo é “mellorar a detección de lesións malignas en fases temperás” e poder examinar un maior número de probas “en menor tempo”. A previsión “é reducir ata un terzo” as lesións que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional das mamografías. Para iso, os radiólogos contarán cun software de intelixencia artificial que lles permitirá facer unha lectura máis precisa das probas analizadas.
Nesta liña cómpre resaltar que estudos recentes demostran melloras en sensibilidade e especificidade dos radiólogos ao usar sistemas de intelixencia artificial sen incrementar o tempo de lectura. En consecuencia, unha maior detección precoz mellorará o prognóstico e reducirá a mortalidade, ademais de redundar nun menor gasto sanitario.
O proxecto piloto, que conta cun orzamento da Xunta de 35.000 euros e cunha duración de catro meses, levarase a cabo en todas as unidades de Análise Radiolóxica, comezando pola Unidade Radiolóxica 3 da Coruña, por ser “a que máis radiografías de mama realiza”, segundo explicou o presidente.
No marco desta iniciativa realizaranse un mínimo de 35.000 estudos de mamografía empregando un software baseado en intelixencia artificial para apoiar aos radiólogos na lectura das mamografías 3D.
Deste xeito, neses catro meses que durará o proxecto piloto, un certo número de estudos radiolóxicos de usuarias do Programa galego de detección precoz de cancro de mama serán avaliados con intelixencia artificial, conxuntamente coa dobre lectura radiolóxica independente. Os resultados serán contrastados cos obtidos para un período similar dalgún ano previo recente no que só se fixo a dobre lectura. “No caso de ser satisfactoria”, indicou Rueda, o obxectivo da Xunta é estender o “uso desta ferramenta” nas unidades de radioloxía de todo o Sergas.
Con esta medida, a Xunta quere conseguir varios obxectivos de mellora no Programa galego de detección precoz do cancro de mama. En primeiro lugar, téntase incrementar a precisión na detección de lesións malignas nas mamografías e apoiar aos radiólogos mediante a automatización da análise das mamografías, permitindo un diagnóstico máis rápido e preciso, e reducindo a carga de traballo destes profesionais. Ademais, incrementarase a garantía de equidade no diagnóstico en calquera punto da xeografía galega.
Este proxecto reforza o compromiso da Consellería de Sanidade coa innovación e a mellora continúa dos servizos sanitarios e supón un paso crucial cara á incorporación de tecnoloxías avanzadas no ámbito da saúde en Galicia. A súa realización resulta imprescindible antes de decidir a incorporación definitiva da intelixencia artificial ao diagnóstico radiolóxico.