GaliciaDigital estrea novas oficinas na Praza Maior de Lugo
venres, 10 de xaneiro do 2025
A empresa GaliciaDigital (Interdix Galicia S.L.) vén de inaugurar novas oficinas para atención ao público na Praza Maior de Lugo, no número 13, 2º dereita. Ata o momento, a firma de comunicación en liña, pioneira no panorama galego, levaba funcionando no número 30 da rúa das Nóreas desde a creación da empresa e do portal galiciadigital.com, hai case 25 anos.
Segundo explicaron os seus responsábeis, o traslado da oficina de atención ao público á Praza Maior provén do desexo de “ofrecer un mellor servizo aos seus clientes e ao público en xeral, cunhas instalacións modernas e accesíbeis, que sigan sendo punto de referencia e de xuntanza dos numerosos colaboradores da súa plataforma en Internet”.
Coa inauguración destas novas instalacións, a empresa busca “reforzar o seu labor informativo e de opinión a través da súa plataforma dixital, así como o seu traballo centrado no deseño e desenvolvemento web, servizo que se ve complementado con outros como rexistro de dominios, aloxamento e mantemento web, xestión de redes sociais, comercio electrónico, e todo tipo de servizos dixitais”.