GaliciaDigital reivindica ao escritor Manuel Rodríguez López cunha iniciativa transmedia
martes, 8 de abril do 2014
GaliciaDigital está a
impulsar dun tempo a esta parte unha iniciativa de promoción
cultural de índole transmedia. Trátase dunha iniciativa para
recuperar, reivindicar e visualizar ante a sociedade galega a figura
do escritor Manuel Rodríguez López, natural de Paradela (onde foi
recoñecido como Fillo Predilecto) e, en palabras de Méndez Ferrín,
“o máis importante poeta obreiro da Galicia de segunda metade do
século XX”. A proposta de GaliciaDigital, que quere propoñer a
Rodríguez López para o Día das Letras Galegas, artéllase a través
das seguintes accións: un
portal web activo dende o ano pasado que recolle a obra completa do
autor e o máis salientábel da súa biografía, unha versión do
dito portal en catalán, folletos informativos, unha exposición
itinerante, unha campaña informativa con Oficina Móbil, a
publicación da obra completa do autor e un DVD de homenaxe
(previstas estas dúas últimas accións para 2014).
Por certo que este
mércores 9 de abril, ás 17.30 horas, está prevista no Museo do
Pobo Galego (Santiago) a inauguración da mostra itinerante Manuel
Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro, promovida por
GaliciaDigital e a familia do escritor, contándose co apoio do
Concello de Paradela, o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e as
Secretarías Xerais de Política Lingüística e Cultura da Xunta.
Por certo que neste caso particular do museo compostelán, tamén se
conta co apoio do Concello e o propio Museo do Pobo Galego. A
exposición é ante todo un percorrido visual pola vida e obra do
autor homenaxeado. Nela, lémbrasenos que naceu en Paradela e que moi
neno tivo que marchar cos seus pais da súa terra, máis polo miúdo
cara a Catalunya, onde desenvolveu unha importante carreira literaria
que culminou na súa etapa lucense até o seu pasamento o 13 de
febreiro de 1990.
Como dixemos, as mostras
estanse acompañando dun portal web que xa leva un tempo en activo e
que inclúe, entre outras cousas, diferentes seccións (biografía,
obra, premios, opinións) para achegarnos á figura de Manuel
Rodríguez e (tamén) a unha cuestión concreta moi relacionada coa
súa vida e que estes días está por desgraza especialmente vixente:
a cuestión da emigración. Amais do devandito, tamén se inclúe un
apartado multimedia con testemuñas gráficas e sonoras do poeta,
reflectíndose a súa participación en todo tipo de eventos
culturais.