GaliciaLe realizou en 2016 un total de 14.128 préstamos de ebooks

xoves, 20 de xullo do 2017 Redacción

A Secretaría Xeral de Cultura, no marco do Consello de Cooperación Bibliotecaria reunido onte no Gaiás, presentou as actuacións impulsadas a prol da mellora da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. As medidas foron dadas a coñecer polo secretario xeral Anxo Lorenzo, quen tamén fixo balance da actividade da plataforma GaliciaLe para o préstamo en liña de libros electrónicos, Anxo Lorenzo explicou que en 2016 incorporáronse ao programa 565 novos títulos. “Nese mesmo ano”, engadiu, “realizáronse un total de 14.128 préstamos, o que supón un incremento do 6,88% en relación ao 2015”.
Na sesión, entre outras iniciativas e disposicións, o secretario xeral presentou o primeiro borrador do anteproxecto de Decreto polo que se regula a xestión do depósito legal na Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando a xestión “ás novas realidades e á nova normativa que as regula”. Segundo fixo saber, no regulamento autonómico desta materia fica plasmada e recollida a entrada na era dixital para o ámbito do depósito legal. Tamén explicou que o anteproxecto de decreto presenta a novidade de “fusionar nun único regulamento o proceso de xestión e constitución tanto das publicacións en soporte tanxíbel como daquelas que se editan ou producen en soporte non tanxíbel”.
Entre os proxectos que ten en marcha a Xunta de Galicia para a mellora dos servizos bibliotecarios Lorenzo destacou tamén a implantación do Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, que, segundo explicou, “atópase na segunda fase de desenvolvemento”, prevéndose “a incorporación de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais a este sistema de software libre que ofrece un contorno unificado e un catálogo conxunto para os centros da rede, ademais de facilitar o labor dos técnicos das bibliotecas”.

PUBLICIDADE