GaliciaTIC 2018 amosou o presente e o futuro das tecnoloxías feitas aquí

xoves, 24 de maio do 2018 Redacción

Hoxe na Cidade da Cultura o histórico evento galego GaliciaTIC (vai xa pola súa edición número 16) volveu demostrar que ten corda para moito tempo. Por unha banda, tocáronse temas de gran actualidade e interese (ciberseguridade, Industria 4.0, dixitalización, información a gran escala) e, pola outra, participaron relatoras e relatores de primeiro nivel. A cita, que se desenvolveu baixo o lema Tecnoloxías, capacidades e infraestruturas para a transformación dixital, incluíu debates, obradoiros e mesas redondas. Tamén houbo demostracións de produtos galegos innovadores e mesmo revolucionarios. Por exemplo o sistema de Xesol para anticipar na estrada as traxectorias dos peóns.
Unha das cuestións que ocupou gran parte dos debates foi a mesma cuestión que vemos reflectida cada día nos nosos correos electrónicos e nos boletíns informativos que recibimos: a inminente entrada en vigor do novo regulamento de protección de datos e como esta entrada en vigor pode afectar as empresas TIC. Esta cuestión foi o eixe temático dunha das mesas redondas da tarde, na que participaron José Nogueira, de Sistemius; Enrique Pedroso, de Landín Informática e Micael Gesto, de Deloitte, abordando os requisitos que deben cumprir as empresas para adaptarse ao novo marco legal que entra mañá en vigor e que prevé “importantes sancións”. Segundo lembraron, as empresas que non cumpran coa nova normativa poden enfrontarse a sancións de até o 4% da súa facturación bruta.
O foro, organizado pola asociación Ineo e Inetec, serviu tamén para mostrar unha radiografía do estado de saúde e das potencialidades sector TIC galego. No acto inaugural, o presidente desta asociación empresarial, Carlos Abal, sinalou que “a saúde do sector TIC galego é boa, pero pódese mellorar”. A continuación, salientou unha serie de números sobre o ámbito TIC na nosa Comunidade: un ámbito que xera 12.000 empregos e contribúe ao PIB nun 2,5%. Ademais, dixo, “Galicia é a quinta autonomía con maior número de empresas TIC e o 23% delas están internacionalizadas”.
No acto de inauguración tamén participou Mar Pereira, directora da axencia AMTEGA, quen fixo un percorrido polo proceso actual de transformación dixital da nosa terra. Segundo fixo saber, este proceso de evolución tecnolóxica nos segmentos empresariais de menor tamaño é “un camiño de longo percorrido”, que precisa dun liderado dentro da propia empresa e tamén de exemplos tanxíbeis que animen ás PEME a avanzar neste vieiro. Ao fío disto, Pereira salientou os plans da Axenda Dixital galega para modernizar ámbitos clave como o Smart Turismo, orientado a impulsar Galicia como destino turístico intelixente; a Memoria Dixital para mellorar a accesibilidade e a conservación do patrimonio cultural galego; o Primare para promover a modernización dos sectores agrario e da pesca; o Dico Mindset para favorecer innovación e a competitividade non ámbito dos contidos dixitais ou o Plan de Modernización do Transporte por estrada.
A transformación dixital tamén foi o fío temático da primeira das mesas redondas de GaliciaTIC 2018. Nela, participaron catro directivos de empresas referenciais do sector galego: R, Televés, Edisa e Improving Metrics. Os relatores coincidiron en destacar que o tratamento do Big Data permitirá xerar novos modelos de negocio. Tamén fixeron fincapé nas potencialidades do pago por uso (aboaremos os custes do servizo en función do emprego que lle deamos ao servizo), na necesidade de facermos cambios na organización das empresas para afrontar a dixitalización e na conveniencia de xuntar forzas, todos os membros dunha compañía, para encarar ese proceso.
Sen dúbida un dos relatorios que máis expectación xerou foi o de Andrés L. Martínez, responsábel de desenvolvemento de programas en Google. Durante a súa intervención, salientou que “nos últimos 40 anos vivimos o período de máxima innovación no mundo do software debido, en parte, aos ecosistemas abertos”. Na súa opinión, “a través de plataformas como Android, Tensor Flow ou Kubernetes tanto as grandes empresas como as startups e as PEME son quen de desenvolver proxectos, produtos e servizos que impactan a millóns de persoas en todo o mundo, contribuíndo, directa ou indirectamente, á creación de emprego e ao desenvolvemento económico e social”. Logo de debullar as experiencias desenvolvidas por Google no ámbito dos ecosistemas abertos, abordou en particular o caso Android, un sistema operativo que “xerou, en Europa, 1,2 millóns de postos de traballo e que contribuíu ao PIB de máis de 200 países cun montante global de 3 billóns de dólares”, explicou, engadindo, no caso da nosa terra, que Galicia “conta con interesantes exemplos de compañías que forman parte do ecosistema de desenvolvedores”, como por exemplo a firma Igalia, a asociación AGASOL e as súas empresas integrantes, ou Vigo Tech.
Ademais dos relatorios e mesas redondas promovidas ao abeiro do foro, houbo unha ampla marxe para exhibir interesantes novidades desenvolvidas por empresas galegas do ámbito TIC. Así, puido verse no Gaiás un innovador sistema de percepción dinámica da contorna que detecta e monitora a traxectoria dos peóns. Os asistentes ao evento puideron comprobar por eles mesmos nun coche como funciona este novo sistema que optimiza a seguridade viaria e do peón. Neste mesmo apartado, ademais, mostrouse un potente sistema de visión artificial capaz de detectar fatiga, distracción ou somnolencia ao volante. Ambas as solucións foron desenvolvidas pola empresa Xesol Innovation.

PUBLICIDADE