GaliciaTIC 2020 bate récords coa participación de 450 persoas

venres, 16 de outubro do 2020 S. P.

GaliciaTIC, o histórico foro tecnolóxico da nosa terra, pechou este venres a súa edición máis virtual: unha convocatoria anti-COVID que combinou sesións presenciais e online e que concluíu esta mañá cunha cifra marca de participación de máis de 450 persoas inscritas para seguir as diferentes sesións. Desde a organización (a asociación empresarial galega Ineo) sinálase tamén que houbo sesións concretas con máis de 150 persoas conectadas á vez, “o que avala o éxito desta edición”.
Luis Álvarez-Sestelo, presidente de Ineo, salientou asemade “a gran interacción que houbo por parte dos participantes”, moitos dos cales seguiron as mesas redondas, conferencias e webinars desde Galicia, pero tamén desde distintos puntos de España.
O balance tamén foi positivo no que se refire ao número de expertos mobilizados nas xornadas (máis dunha trintena) e no tempo de divulgación xerado, que foi de máis de 20 horas de actividade xerada ao abeiro da temática central desta edición: empresas e persoas dixitais conectadas.
Amais, GaliciaTIC 2020 posibilitou o desenvolvemento de networking virtual e tamén de showrooms específicos, que permitiron ás empresas participantes exhibir as súas novidades.
Durante esta edición do foro prestouse especial atención a como as empresas e organizacións galegas sacaron partido dunha situación adversa como foi a vivida durante a pandemia, “para avanzar nos seus procesos de transformación dixital”, segundo asegurou Luis Rey, director de Operacións de Ineo.
Os contidos programados este ano centráronse, ademais, en asuntos diversos relacionados co ámbito TIC tales como a necesidade de impulsar a creación dun ecosistema innovador, os novos retos de seguridade para contornas SAP, o estándar 5G ou a transformación dixital e a automatización de procesos, entre outros asuntos. Durante as diferentes xornadas tamén se analizou a implantación da banda larga en Galicia ou os casos de uso de blockchain en 2020.
Na mañá deste venres celebráronse as últimas mesas temáticas centradas en transformación dixital e recuperación empresarial, por unha banda, e en abordar casos de éxito en implantación de solucións tecnolóxicas no ámbito da Industria 4.0, pola outra.
Segundo asegurou o director de GaliciaTIC 2020, Miguel Merino, todas as cuestións que se trataron no foro presentan diversos graos de madurez e desenvolvemento: “Hai cuestións como o comercio electrónico ou o teletraballo nas que se avanzou moito, aínda que, malia os adiantos, no eido da transformación dixital segue quedando moito por facer”.
Esta XVIII edición de GaliciaTIC contou co respaldo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), EDISA, GBTEC, Imatia, Inycom, Orange, R, Deloitte, Lifesize, CTI Consultores, Leyton, OpenSoft e Sistemius.
Xunto a estas empresas e entidades, o foro contou un ano máis co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

PUBLICIDADE