GaliciaTIC 2024 pon o foco este xoves 7 nos investimentos sostíbeis en TI

luns, 4 de novembro do 2024 S. P.

O edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acollerá este xoves 7 de novembro a 22ª edición de GaliciaTIC, foro de referencia e debate no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que organiza a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO) en colaboración con entidades como a axencia autonómica AMTEGA ou diversas empresas.
A xornada será inaugurada pola conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana e contará coa participación de 30 expertos en calidade de moderadores e relatores ao longo de todo o día. En especial, este ano centrarase en investimentos sostíbeis en TI e no desenvolvemento da Intelixencia Artificial.
GaliciaTIC 2024 tamén contará coa participación de APD, a Asociación para o Progreso da Dirección, que organizará unha mesa de debate sobre o impacto da IA na empresa. Esta organización, de carácter transversal, abrirá este foro aos demais sectores interesados en estar á última dos avances tecnolóxicos.
A organización destaca que unha das conferencias máis relevantes sobre ferramentas intelixentes será a que ofreza Ignasi Belda, nomeado en xuño director da Axencia Española da Supervisión da Intelixencia artificial (AESIA), na que abordará como regular este ámbito e realizará unha síntese do recentemente aprobado regulamento europeo de Intelixencia Artificial. Doutra banda, analizar os riscos da mesma e como mitigalos será o asunto que centre a presentación do experto, José Ramón Monleón.
O programa deste foro abordará, ademais, cuestións de actualidade e tendencias para o sector TIC en Galicia como o do investimento sustentábel en TI ou mesas temáticas sobre como combinar tecnoloxías para multiplicar resultados ou riscos e oportunidades da IA democratizada.
Os retos do sector e a análise dos proxectos estratéxicos de Galicia e a súa proxección empresarial ou o estudo do mercado laboral ou a capacitación e a formación TIC na nosa terra serán tamén obxecto de análise na próxima edición de GaliciaTIC. Abordaranse, ademais, entre outras cuestións como conectar talento e tecnoloxía ou claves para desenvolver un produto de software paso a paso.
Feira de Emprego
Un ano máis GaliciaTIC contará con máis dunha ducia de casetas de diferentes empresas tecnolóxicas que desexan captar talento tecnolóxico-dixital. Deste xeito, desenvolverase durante todo o día no edificio CINC unha feira de emprego que conectará a estudantes de perfís tecnolóxicos con algunhas das empresas máis representativas deste sector de actividade, que supón practicamente o 3% do PIB galego.
Xunto a isto, na sesión de tarde celebrarase un interesante speech tecnolóxico a cargo dun enxeñeiro de software baixo o título de 14 consellos de sénior que lle daría ao meu eu júnior, especialmente dirixido a mozos emprendedores no ámbito TIC.
Un foro consolidado
Para Lourdes Guerra Fornos, presidenta da asociación empresarial galega Ineo, “alcanzar a 22ª edición do foro é un fito ao alcance de poucas organizacións”. Por iso, “a continuidade sostida no tempo de GaliciaTIC, que non se detivo nin en pandemia, demostra que os seus contidos están á altura dos retos do sector e abordan cada ano cuestións que teñen que ver co mesmo, así como innovacións e tendencias tecnolóxicas que afectan a todos os sectores empresariais, por iso é polo que sexa un foro aberto a todo o mundo”.
Pola súa banda, o subdirector xeral de APD, Santiago Sesto, sinala que "desde a Asociación para o Progreso da Dirección é un verdadeiro pracer colaborar nun encontro de tanto calado na comunidade galega como GaliciaTIC. A procura de sinerxías empresariais, unidas á potenciación do desenvolvemento directivo e o coñecemento compartido fan deste encontro unha cita imprescindíbel para a empresa e para a sociedade".