GaliciaTIC celebrará o 19 de outubro en Santiago a súa 21ª edición, que inclúe novamente unha feira de emprego

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

Este mes de outubro celébrase a nova edición, a 21, do evento máis histórico e veterano de cantos eventos tecnolóxicos se celebran na nosa terra: GaliciaTIC, foro de referencia para o sector dixital galego organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo). Será en Compostela, na Cidade da Cultura, o vindeiro 19 de outubro. Celebrarase baixo o lema Impulsar o crecemento e o talento dixital en Galicia. Os principais obxectivos desta edición serán, por unha banda, captar futuros profesionais para o sector e, pola outra, abordar diferentes aspectos do impacto da Intelixencia Artificial na sociedade e nas organizacións, entre outros temas. O prazo de inscrición continúa aberto a través da web www.galiciatic.com.
A IA será o alicerce temático da conferencia inaugural de GaliciaTIC 2023. Correrá a cargo de Francisco de los Santos, socio executivo de Gartner, e nela abordarase a revolución que está a supoñer a Intelixencia Artificial nas organizacións. A partir desta apertura, sucederase un amplo programa de conferencias, debates, charlas motivacionais e webinars que abordarán múltiples aspectos do sector.
Deste xeito, neste 21.º GaliciaTIC trataranse asuntos como a tecnoloxía móbil 5G, os retos do sector, a chamada Intelixencia Artificial xenerativa, as TIC nas operacións da industria, a transformación dixital ou os incentivos fiscais para o desenvolvemento e a innovación no eido das tecnolóxicas.
Feira de Emprego
Trala experiencia de 2022, que se saldou cun notábel éxito de participación e repercusión, GaliciaTIC organizará por segundo ano consecutivo a súa Feira de Emprego. Trátase dun amplo programa de actividades para poñer en contacto ás empresas do sector con mozas e mozos que estean a conducir o seu perfil profesional cara ás TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Segundo lembran dende Ineo, se ben o ano pasado os participantes circunscribíronse unicamente á Formación Profesional, nesta nova convocatoria a Feira abrirase tamén a concorrencia ao alumnado tanto das universidades como das escolas de negocios. O obxectivo desta actividade polo emprego, que incluirá charlas motivacionais e a participación dunha vintena empresas TIC, é “poñer en contacto a rama académica co mercado laboral, fomentar a vocación tecnolóxica nas novas xeracións e reter o talento no tecido empresarial da nosa comunidade”.
Oficina Acelera Peme
GaliciaTIC contará ao longo de toda a xornada cunha caseta da Oficina Acelera Peme de INEO, na que se ofrecerá asesoramento a pequenas e medianas empresas en procesos de dixitalización e transformación dixital.
Ineo, para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), e tamén de entidades como EDISA, Imatia, Orange, Leyton, Appentra, Balidea, Clarcat, Cuatroochenta, Conpas, Ednon, Gdoce, Inetum, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Marine Instruments, Minsait, Nunegal e Optare Solutions. Así mesmo, colaboran Ayco, Gartner, a Oficina Acelera Peme de Ineo e Oracle.

PUBLICIDADE