GaliciaTIC mostrará na Cidade da Cultura os desafíos e oportunidades da transformación dixital

venres, 18 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Será a vindeira semana, o xoves 24 de maio, cando a compostelá Cidade da Cultura acolla a XVI edición de GaliciaTIC, un punto de encontro relevante no eido das TIC galegas que leva a cabo a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e a empresa INETEC.
Baixo o título de Tecnoloxías, capacidades e infraestruturas que están a impulsar a transformación dixital, botará a andar este GaliciaTIC no edificio CINC do Gaiás coa finalidade de atraer non só aos profesionais deste ámbito, senón tamén aos dos demais sectores empresariais para amosarlles o que as ferramentas dixitais poden facer polas súas empresas.
O foro deste ano nace con varios propósitos: analizar as tendencias actuais na transformación dixital e as oportunidades de negocio asociadas a elas para as TIC galegas; amais de sensibilizar ao resto de sectores sobre as vantaxes que leva (aforro de custos, mellora de produtividade, redución de tempos...).
Haberá cinco tipos de actividades diferentes: relatorios, clases maxistrais e mesas de debate (onde expertos do eido dixital como Andrés Martínez, desenvolvedor de programas de Google, ofrecerán a súa visión sobre as ferramentas de meirande futuro, botando luz sobre as capacidades e as infraestruturas existentes para impulsar a transformación dixital), mesas temáticas (con sesións que abordarán temas como a transformación do posto de traballo, a información a gran escala -Big Data- para optimizar e personalizar a oferta turística, a dixitalización nos estaleiros 4.0 ou a mellora dos procesos de negocio con traballadores virtuais, entre outras cuestións), competicións de enxeñaría (da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, convocando estudantes e profesionais e incluíndo un reto sobre o desenvolvemento, o proxecto e a planificación dunha Cidade Intelixente para unha poboación mediana de Galicia), demostracións (con showrooms e presentacións en vivo de produtos comercializados por tecnolóxicas galegas, por exemplo as solucións de Xesol Innovation, compañía mergullada no ámbito da Internet das Cousas e orientada ao desenvolvemento de solucións para coche conectado e autónomo, e que mostrará en GaliciaTIC un vehículo cun sistema de percepción dinámica que detecta e monitora a traxectoria dos peóns) e sesións de networking (con xeiras de traballo en rede entre os asistentes nas pausas do café, do xantar e das zonas comúns de lecer).

Inscricións

A asistencia a GaliciaTIC é de balde pero é necesario un convite que pode solicitarse aos organizadores e patrocinadores do evento. Na páxina web do evento pódense consultar os mesmos, así como a totalidade do programa e as empresas participantes.

PUBLICIDADE