Galiciaconfidencial.com celebra este venres en Compostela o seu décimo aniversario

venres, 8 de novembro do 2013 Redacción

Finalmente, tal e como anunciamos os días pasados, o xornal galiciaconfidencial.com celebra hoxe o seu décimo ano de vida. E vaino facer, segundo apuntan dende este medio galego, cunha serie de actividades que inclúen unha mesa redonda, un acto protocolario e un concerto de música clásica na Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela a partir das 19:30 horas do serán. Á cita acudirán non só persoeiros galegos vencellados á comunicación e ás novas tecnoloxías da información, senón tamén á política. De feito, participarán representantes das principais agrupacións políticas galegas, estando confirmada tamén a presenza do secretario de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
A celebración dos dez anos de galiciaconfidencial.com (que naceu o 28 de outubro de 2003 da man do que hoxe é o director da canle informativa, Xurxo Salgado), comezará como dixemos ás 19.30 horas. A esta hora está previsto que se desenvolva unha mesa redonda “sobre o pasado, presente e futuro dos medios en galego en Internet” na que estarán presentes Rocío Castro, primeira directora de Vieiros, medio galego pioneiro na rede; Marcus Fernández, coordinador de Código Cero, o xornal de ámbito científico e tecnolóxico máis antigo do país; Ubaldo Cerqueiro, director de Que Pasa na Costa, principal medio dixital da Costa da Morte, e o decano de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro. Coordinará esta mesa o decano da Facultade de Xornalismo Xosé Pereira.
A partir das 21.00 horas terá lugar en Xornalismo unha presentación destes dez anos de traballo no GC a cargo de Xurxo Salgado e pechará o acto o grupo musical Herbens Consort con Felipe Rodríguez (frauta), Eliseu Mera (barítono), Carlos García Amigo (viola da gamba) e Diego Rojo (arquilaúde). Ao final do acto haberá uns petiscos e un viño.

PUBLICIDADE