Galiciencia abre os prazos para que estudantes de toda España presenten os seus proxectos
luns, 27 de xaneiro do 2025
A feira científica Galiciencia, que celebra este ano o seu 20 aniversario e que vén da man da Tecnópole co obxectivo de estimular o talento científico-tecnolóxico da rapazada de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato, vén de abrir o prazo para que os centros educativos se inscriban e os equipos presenten os seus proxectos; poderán facelo ata o 17 de marzo a través da web da feira.
Galiciencia desenvolverase os días 14, 15 e 16 de maio e tamén se poderá participar de maneira online. Celebrarase baixo o lema Neurociencia e saúde mental, un tema que, segundo informa a organización, “afecta e preocupa cada vez máis ao conxunto da poboación”.
Cada centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP pode presentar ata dous proxectos, dos que serán seleccionados un total de 50 para asistir á feira e que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. No caso da modalidade en liña non hai límite de proxectos.
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para participar en Exporecerca, a maior feira científica a nivel estatal, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, o certame de ciencia que se desenvolve en Bilbao. O equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática Neurociencia e saúde mental, así como o mellor proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.
Como en cada edición, ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades, obradoiros, concursos diversos e espectáculos de ciencia. Así, o alumnado de Primaria de toda Galicia poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2025. Tamén haberá un certame de fotografía a través de Instagram, dirixido ao estudantado e ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.
O alumnado galego de 4º de Primaria ata Bacharelato poderá participar no desafío científico Atrévete coa mente!. Consta dunha primeira fase online con tres retos. Para participar no primeiro reto será preciso inscribirse ata o 20 de febreiro a través da web atrevete.galiciencia.com. Para chegar á fase final, que será presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindíbel ter participado nos tres retos en liña.
Os centros interesados en visitar a feira teñen de prazo ata o 17 de marzo para facer a súa reserva. Haberá un límite de 50 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 25. Tecnópole encargarase de xestionar e custear o transporte.