Galiciencia acollerá entre os días 24 e 26 un completo programa de divulgación

martes, 16 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Galiciencia, o concurso da Tecnópole de San Cibrao das Viñas para impulsar vocacións investigadoras, incluirá este ano catro obradoiros de I+D para a comunidade estudantil de Secundaria e Formación Profesional da nosa terra. Máis polo miúdo, a quinta edición do concurso-mostra (que recibiu este ano máis proxectos da mocidade galega, arredor de 90, ca nas anteriores edicións), dará acubillo a un obradoiro sobre vida e seres vivos (coincidindo coa celebración do Ano da Biodiversidade), outro sobre o funcionamento do cerebro humano, outro sobre as propiedades do xabón e un cuarto taller sobre as características e funcionalidades do raio láser.
As actividades divulgativas e participativas desenvolveranse o mércores 25 e o xoves día 26 (pola mañá e pola tarde) e máis o venres día 27 só en horario de mañá (ata as 13.00 horas). O emprazamento que vai dar acubillo aos obradoiros será o mesmo que albergará toda a mostra Galiciencia, un dos eventos máis representativos da edición galega da Semana da Ciencia: o edificio CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, Ourense.
Cómpre lembrar que Galiciencia é unha acción de impulso investigador organizada por Tecnópole. Este ano, e como novidade, o comité responsable da mostra viuse obrigado a facer escolma de proxectos, tan elevada foi a cifra de iniciativas (inventos, achados de variada índole, desenvolvementos) presentadas pola nosa mocidade científica. Ou sexa, que os proxectos que estarán estes días á vista no CEI só constitúen a metade (entre 50 e 55) do que se forneceu. A mostra, que conta co apoio e co patrocinio da Consellería de Economía, celébrase este ano os días 24, 25 e 26 de novembro. Durante estas xornadas, equipos de estudantes de Secundaria e Formación Profesional chegados de todo o eido xeográfico galego amosaranlle ao público as súas iniciativas tecnolóxicas, nunha xeira colectiva de coñecemento que tamén contará coa presenza de equipos de Catalunya e Euskadi.
A continuación, damos conta dos devanditos obradoiros, un por un.
Viva a vida e os seres vivos
O ano 2010 é o ano da Biodiversidade biolóxica, polo que a organización de Galiciencia decidiu celebralo. O obradoiro parte do alicerce da seguinte realidade: non adoitamos a ser conscientes da gran cantidade de organismos cos que compartimos o planeta. De feito, cada día descóbrense novas especies de seres pertencentes a tódolos reinos. Neste taller fuxirase do concepto conferencia. Terá un carácter práctico, centrándose no reino das plantas, da man das cales realizarase un percorrido pola historia da vida. Duración: 50 minutos por grupo.
Todo está no meu cerebro
Achegarase neste obradoiro toda a información sobre o funcionamento dos nosos cinco sentidos, que envían a información ao cerebro mediante sinais eléctricos para que este as procese. “Con algunhas experiencias simples poderanse observar algúns fenómenos que nos sorprenderán sobre a nosa natureza”, informa a organización de Galiciencia. Duración: 50 minutos por grupo.
Pompas de xabón
Este obradoiro, completamente participativo, está orientado aos máis pequenos, que se converten en pequenos investigadores, combinando xabóns ata obter a fórmula perfecta das pompas de xabón. Duración: 45 minutos.
Fágase a luz! 50 aniversario do descubrimento do láser (Adolf Cortel)
Mediante experimentos sorprendentes e con aparatos de tipo caseiro discútense a natureza e o comportamento da luz. Analízase a luz de distintas fontes para comprender como funciona a espectrometría, a máis importante das técnicas de identificación de substancias. Conmemorando o descubrimento do láser en 1960, realízanse experimentos con láseres potentes de distintas cores que mostran o especial que é a luz que emiten e por que se utilizan desde os quirófanos aos shows en espectáculos e discotecas.