Galiciencia celebrou a final do desafío científico Atrévete coa mente

xoves, 15 de maio do 2025 S. P.

A 20ª edición da feira científica Galiciencia, organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), segue adiante (ata este venres) con demostracións, actividades de divulgación, desafíos e premios. Na xornada deste xoves 15 de maio celebrouse a final do desafío científico Atrévete coa mente!, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online. Ao longo deste tempo propúxoselles explorar a mente humana co fin de coñecer a importancia da neurociencia para poder entender e mellorar a nosa saúde mental.
Sumáronse a esta aventura un total de 404 equipos, integrados por 1056 rapaces e rapazas de 48 centros educativos diferentes. Os que conseguiron pasar os tres retos da fase online enfrontáronse esta mañá nunha final presencial.
O gañador na categoría de Primaria foi o equipo Jimar, integrado por Martín Gil, Jimena Martínez e Ana Fernández, do Colexio Santo Ángel de Ourense.
Na categoría de primeiro a terceiro de Secundaria gañou o equipo Red Cajal, formado por Julia Villar, Juan Andrés Fernández e Santiago González, do Colexio Santo Ángel de Ourense; e de cuarto de Secundaria a Bacharelato os vencedores foron Sabela e Katia, do que forman parte Sabela Osorio e Katia Rodríguez, do IES Xunqueira de Pontevedra.
Entre as actividades que se están a desenvolver no marco da feira, o alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar nun xogo destinado a sensibilizar á mocidade sobre a saúde mental, promovendo a información e rompendo prexuízos en relación á mesma.
Ademais, a rapazada está a participar nun obradoiro no que se afonda no funcionamento do cerebro para aprender a coidalo, de cara a gozar dunha boa saúde mental. Nesta liña, coñecen como afectan as redes sociais á saúde mental na adolescencia, como os videoxogos poden causar adicción, que pasa no noso cerebro cando realizamos apostas en liña. Tamén descubren a importancia do sono durante a adolescencia, como o consumo de alcol afecta ao noso sistema nervioso, por que as drogas son aditivas, por que facer exercicio axuda ao noso rendemento intelectual… e mesmo achéganse a novas realidades como o caso do neurodoping.
Espectáculo de ciencia
Na mañá deste xoves 15 desenvolveuse un novo espectáculo científico, que os centros educativos galegos puideron seguir tamén en liña. O propósito desta experiencia é que os máis novos descubran que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos. Baixo o título O cerebro: unha máquina extraordinaria, os participantes somerxéronse nunha serie de experimentos que lles permitiron probar alimentos de sabores misteriosos, puideron observar as ondas cerebrais e descubriron a fascinante neurociencia que se agocha tras sentimentos como o amor.