Galiciencia mostrará case 80 proxectos cientifico-tecnolóxicos para mellorar o mundo

mércores, 15 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Xa vai quedando menos para Galiciencia, a feira xuvenil de enxeños e innovación máis concorrida da nosa terra e sen dúbida unha das máis referenciais do ámbito estatal. O evento, que se celebra entre o 22 e o 24 de novembro en Ourense, vén unha vez máis da man da Tecnópole, renovando o seu obxectivo de alentar que se “fagan” ciencias e tecnoloxías, de que estas se fagan dende idades temperás e, tamén, de que todo isto (estes múltiples exemplos de ollar cara adiante) se saiba. Que nos agarda este ano? Pois unha manchea de cousas, o que confirma a proxección ascendente de Galiciencia. Para comezar: a posibilidade de ver ao detalle case 80 proxectos de 40 centros escolares de Galicia, Asturias, Catalunya, Euskadi e Andalucía. Poderemos coñecer cousas como unhas lentes para cegos impresas en 3D ou unha tecnoloxía para escorrentar xabaríns das leiras. Todos eles terán en común, amais de ser innovadores, a súa firme vontade de mellorar o mundo.
Nesta duodécima edición, 50 dos 79 proxectos presentados son de alumnado de Secundaria e Bacharelato (en concurso) e 29 de estudantes de Primaria (fóra de competición).
Segundo informa a Tecnópole, nesta convocatoria bátese novamente o récord de diversidade de centros participantes da historia do certame, con equipos procedentes de 40 colexios e institutos diferentes, cinco máis có ano anterior. En cuestión de afluencia de público, agárdase a visita dunha manchea de centros escolares e visitantes en xeral, por conta propia (a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes).
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas, conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. Entre estes, o que acade a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O clasificado en segundo posto terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que se celebra cada ano na primavera en Bilbao. O proxecto que fique en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros para iniciarse na astronomía e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática. Segundo explica a organización, “as galaxias, os planetas e as estrelas serán tamén os protagonistas do espectáculo científico que poderá seguirse en streaming (retransmisión en directo por Internet) dende calquera centro escolar ou dende a casa”.

PUBLICIDADE