Galiciencia propón un desafío científico para a mocidade centrado na ciberseguridade

luns, 2 de febreiro do 2026 S. P.

Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade promovida desde 2006 polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, adica esta edición á necesidade de protexermos dixitalmente e faino co desafío científico Atrévete coa ciberseguridade! para estudantes de cuarto de Primaria e Bacharelato de toda Galicia. Poderán “adentrarse nesta aventura” pequenos grupos de dous ou tres integrantes, preferentemente mixtos, de entre 10 e 18 anos.
O certame diríxese ao alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato; co fin de favorecer o talento innovador e emprendedor entre a mocidade. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.
O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial. Para poder superar a primeira fase online cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses, todos eles vencellados coa ciberseguridade.
O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da web do desafío de Galiciencia, remata o 20 de febreiro.
Para chegar á fase final, que terá lugar durante a celebración de Galiciencia en maio, será necesario ter participado nos tres retos online. Nesta gran final presencial competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.
Ao longo destes retos os equipos coñecerán os conceptos fundamentais da ciberseguridade, ao tempo que afondarán no uso responsable da tecnoloxía. Deberán resolver enigmas, superar probas técnicas e tomar decisións para poder avanzar. Porán a proba a súa lóxica, creatividade e pensamento computacional. “O obxectivo”, informou a Tecnópole, “non é só chegar á final, senón gozar do proceso, aprender xogando e descubrir como desenvolverse con criterio e de maneira ética e segura no mundo dixital”.
Por certo que este ano Tecnópole achegará unha axuda de 100 euros para gastos de transporte aos equipos que se clasifiquen para a fase final do desafío. Poderán beneficiarse da mesma os centros educativos que non sexan de Ourense capital nin dos concellos limítrofes.