Galiloxía busca internautas para facer fronte común arredor da tecnoloxía e a ciencia

mércores, 2 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Galiloxía, medio galego do que falamos recentemente en Código Cero para dar conta da súa participación en Vencello (rede de blogues temáticos en galego), está a convocar estes días á comunidade internauta galega, seareira das novas tecnoloxías e aparellos, para facer fronte común arredor de todas estas cousas que collen no que probablemente sexa o saco máis amplo de tódolos sacos: o da Sociedade da Información. En definitiva, do que se trata é de conseguir, coa axuda da comunidade, a mellora colectiva da propia web Galiloxía, consolidando un espazo en liña onde se “poda falar de todo o referente á tecnoloxía, ciencia e arredores, tentando amosar cousas que non se poden ver todos os días, aparellos curiosos e estraños”, informan os responsábeis da web.
Por estas e outras razóns, dende Galiloxía están a procurar persoas ás que lles gusten os trebellos, o outro lado da ciencia, a ciencia ficción e que teñan devezos por escribir ou aprender a facelo. Do que se trata, engaden, non é de convocar xente con coñecementos amplos sobre estas materias, senón internautas que queiran “comezar a escribir, xente que estea dando os seus primeiros pasos, sinta curiosidade e queira aprender”.
Quen queira botar unha man pode escribir a info@galiloxia.com ou pórse en contacto coa xente de Galiloxía a través do twitter ou do facebook.

PUBLICIDADE