Gambito de dama inspira un xogo para subscritores de Netflix

mércores, 26 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Dende Netflix continúan a apostar polos videoxogos como un xeito de fidelizar aos seus subscritores, e dentro do cada vez maior catálogo de xogos para móbiles que ofrecen chega agora El ajedrez de Gambito de dama, xogo dispoñible para iOS e para Android, inspirado na miniserie de Anya Taylor-Joy, que pese a ter varios anos, segue a ocupar un lugar relevante no catálogo de Netflix.
O xogo chega da man dos responsables de Chess Ultra, e permite tanto recibir leccións de xadrez como xogar a quebracabezas e, por suposto, xogar ao xadrez e competir con amigos en liña. Podemos xogar partidas personalizadas en taboleiros 3D ou 2D, seguir os obxectivos semanais do xogo para gañar recompensas, consultar as estatísticas dos nosos amigos e acceder a unha biblioteca con leccións de xadrez a través dun mapa central.
Temos así un completo xogo de xadrez, que adopta numerosos detalles da serie Gambito de dama, incluíndo a visión de Beth para visualizar o vindeiro movemento ou advertir ameazas no taboleiro (como facía a protagonista da serie). Incluso podemos ver esta aplicación como unha ferramenta para aprender a xogar ao xadrez ou para evolucionar ao noso ritmo, até poder dominar o nivel de dificultade máis elevado.

Estamos ante un completo xogo de xadrez que adopta a estética de Gambito de dama para resultar máis atractivo