Game lanza o primeiro plan renove de Xbox One X

xoves, 21 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Microsoft está a dar conta do primeiro plan renove de Xbox One X, unha iniciativa da cadea de tendas Game a través da que é posible facerse coa consola máis potente do mercado entregando outra consola (xunto con accesorios e xogos que xa non se empreguen) para poder gozar dun prezo bastante reducido. A promoción estará vixente até o 1 de xullo e limitado a 1.000 unidades.
A Xbox One X é unha consola con capacidades 4K realmente potente e compacta, que conta cun revolucionario sistema de refrixeración que a converte en todo un portento tecnolóxico que facilita gozar dun inmenso catálogo de xogos, xa que aparte dos títulos ordinarios de Xbox One tamén é compatible con numerosos xogos da Xbox orixinal e de Xbox 360, contando bastantes xogos con actualizacións descargables para poder gozalos con maior resolución nesta moderna máquina.
Esta potente consola ten un prezo ordinario de 499,95 euros, pero entregando unha PlayStation 4 Slim cun disco duro de 1 TB e o seu respectivo mando DUALSHOCK 4 pode conseguirse por só 189,95 euros, aínda que tamén pode aplicarse o desconto con outras consolas PS4, Xbox One e Nintendo Switch, valorándose na tenda o desconto a aplicar en cada caso.
Poder conseguir unha Xbox One X por menos de 200 euros é unha promoción impresionante, pero semella bastante improbable que un usuario español vaia desprenderse dunha PlayStation 4 para facerse cunha Xbox, e o salto de Xbox One ou Xbox One S a Xbox One X (o que sería o renove natural) non resulta tan atractivo economicamente, aínda que é unha oportunidade moi boa para quen teña un televisor 4K e queira gozar duns mellores gráficos e experiencia xeral na súa consola.

PUBLICIDADE