GameStick, unha nova videoconsola Android que poderá gardarse no seu mando

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Mentres que o proxecto de crear unha consola de videoxogos doméstica hackeable baseada en Android chamada OUYA continúa a acumular retrasos (tería que ter visto a luz o pasado mes de setembro) xorde un novo proxecto en Kickstarter, que cunha filosofía semellante, pretende crear o GameStick, unha consola baseada en Android que só custaría uns 79 dólares (71,30 euros se incluímos os portes a Europa) e que podería levarse no peto.
Esta consola de videoxogos tería a forma dunha unidade de memoria, pero cun conector HDMI, o que facilita a súa conexión nun televisor de alta definición á vez que serve como alimentación deste pequeno dispositivo que comunicaríase por Bluetooth cun mando de xogo bastante compacto que contaría cun oco para gardar o stick no seu interior.
Este GameStick funcionaría cun procesador Amlogic 8726-MX, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e Android 4.1. Os dispositivos conectados por Bluetooth poderían operar como gamepads, ratos ou teclado, aceptando ata 4 mandos á vez.
Cómpre destacar que a meirande parte dos xogos para Android están optimizados para o seu uso con pantallas táctiles, polo que non serían axeitados para o seu uso nesta nova consola, pero os seus responsables aseguran ter identificado máis de 200 xogos para Android que funcionarían axeitadamente no GameStick, á vez que están a colaborar cunha serie de estudos para que moitos xogos sexan compatibles con este dispositivo, de xeito que contará tanto con xogos de balde como con moitos outros xogos económicos, o que pretende ser un dos puntos fortes deste trebello.


Demostración dun prototipo de GameStick