Gameloft prepara 15 xogos para Windows 8 e Windows Phone 8

mércores, 21 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A editora de videoxogos Gameloft vai facer unha importante aposta polas plataformas de Microsoft, e anuncia que para os vindeiros 12 meses prepara 15 xogos de peso para Windows 8 e Windows Phone 8, que comezarán con títulos tan fortes como Asphalt 8: Airborne e Dungeon Hunter 4, que chegarán este mesmo outono e que non só estarán dispoñibles para móbiles, tablets e ordenadores, senón que será posible o xogo cruzado ente as distintas plataformas.
Sobre Asphalt 8: Airborne xa están a adiantar detalles moi interesantes do que promete ser un grande arcade de condución que presentará uns gráficos incribles, permitirá o seu control en tablets inclinando o dispositivo e premendo na pantalla, contará con 47 coches con licenzas oficiais como o Lamborghini Veneno, o Bugatti Veyron, o Ferrari FXX e o Pagani Zonda R (que incluso reproducirán o seu son de xeito realista), permitirá percorrer numerosas localizacións (Venecia, a Guíana Francesa, Islandia, o deserto de Nevada...) e terá numerosos modos de xogo entre os que no falta o modo multixogador con ata 8 opoñentes.
Outros xogos nos que está a traballar Gameloft para dispositivos de Microsoft son Despicable Me: Minion Rush, Total Conquest, Six Guns, Kingdom & Lords e UNO & Friends¸ que chegarán antes de rematar o ano e dos que saberemos máis nos vindeiros meses.


Vídeo de adianto de Asphalt 8: Airborne

PUBLICIDADE