Gametel, un mando para móbiles Android

xoves, 17 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O Xperia Play, considerado por moitos como o teléfono PlayStation, destacaba por ser un terminal con Android que incorporaba uns mandos semellantes aos dunha consola portátil PSPGo, e para que os usuarios de case calquera outro móbil con Android 2.1 ou superior poidan ter unha experiencia de xogos semellante Fructel presenta un accesorio chamado Gametel, que é un mando Bluetooth cun espazo para colocar o móbil, unha cruceta dixital, varios botóns (select, start, 2 gatillos e 4 botóns de acción), que mide 120 x 67 x 24 milímetros, pesa 80 gramos e conta cunha batería recargable por USB cunha capacidade de 250 mAh (o que permite unha autonomía dunhas 9 horas).
Este accesorio sairá á venda a primeiros de decembro a un prezo de 49,95 libras esterlinas, e xa conta con máis de 50 xogos compatibles como Cordy, Asphalt 5 HD, R-Type, MotoX Mayhem ou Zedonia, con máis xogos engadidos cada día. O Gametel tamén gaña atractivo agora que proliferan os tablets con Android e saída HDMI, de xeito que poderían empregarse como se fosen unha consola de videoxogos doméstica valéndose de accesorios coma este.

PUBLICIDADE