Gammera Nest, o estudo no que naceu o videoxogo de Tadeo Jones, imparte unha formación no Campus de Ferrol

martes, 8 de abril do 2025 S. P.

Gammera Nest, referencial empresa española de desenvolvemento de videoxogos, desenvolve estes días no Campus de Ferrol unha actividade encadrada na súa intensa e continua vertente formativa, estratexia que leva a cabo dende o seu nacemento e 2012 e que se traduce en obradoiros e formacións en institucións e empresas como Medialab, o Museo do Prado ou o Museo Arqueológico Nacional (MAN), sendo agora a quenda da Universidade da Coruña (UDC).
Ao longo desta semana, o alumnado do segundo curso do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), recibirá unha destas formacións intensivas para mellorar tanto a parte técnica, a artística como o modelo de negocio do seu videoxogo, Renegade Jammer, nado como Traballo Fin de Máster (TFM). Estes obradoiros teórico-prácticos compleméntanse cunha serie de titorías grupais e individualizadas dispoñíbeis ata o mes de setembro.
Entre as persoas expertas que se achegarán estes días ata o Campus Industrial de Ferrol figuran a fundadora de Path Games e directora do Departamento de Marketing en Selecta Play, Virgina Calvo; o director xeral de Sony Interactive Entertainment en Iberia, Mediterráneo, Adriático e Balcáns, Jorge Huguet; a primeira muller que traballou na industria do videoxogos en España e fundadora de Erbe Software e da distribuidora MCM, María Jesús López; a experta en estratexia de negocios e ventas, Fátima Aldama; o director do Programa de Formación PlayStation Talents, Daniel Sánchez; ou o experto en Unreal Engine e fundador de Path Games; Gonzalo Luna.
Ademais de recibir asesoramento para o desenvolvemento do seu videoxogo, o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) coñecerá os pormenores dalgúns dos proxectos nos que Gammera Nest ten participado dando apoio financeiro e/ou asesoramento técnico completo como poden ser The Many Pieces of Mr. Coo ou Tadeo Jones: La Maldición de la Esmeralda.
En definitiva, esta colaboración tradúcese en formación específica e sesións de titorías para que o alumnado do Campus Industrial de Ferrol poda participar na iniciativa PlayStation Talents, un dos certames máis coñecidos e recoñecidos da industria dos videoxogos en España. Deste xeito, o alumnado opta á posibilidade de que unha das maiores compañías de desenvolvemento de videoxogos, Sony Interactive Entertainment, poda publicar o seu xogo, visibilizalo nas súas campañas de promoción e darlle acceso ás ferramentas de desenvolvemento das súas videoconsolas.
Esta non sería a primeira vez que o alumnado da Universidade da Coruña (UDC), resulta seleccionado para participar neste certame. En decembro de 2023, o xogo Avy, Fábulas da Noite, nado tamén como traballo final do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, conseguiu o galardón ao Xogo coa Mellor Arte na X Edición do Premios iokool PlayStation Talents.