Ganapán: nova axencia galega de comunicación dixital onde o protagonista é o cliente

martes, 10 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

Este martes soubemos da posta en marcha dunha nova axencia galega de comunicación con arela didáctica e con firmes piares no eido tecnolóxico. Falamos de Ganapán, unha iniciativa posta a camiñar este mesmo mes da man de tres especialistas no eido da comunicación, a mercadotecnia dixital e as redes sociais (Agostiño Reigosa, Antía Paz e David Lamas). O seu obxectivo, contan, é procurar respostas claras e eficaces para as respostas actuais das pequenas e medianas empresas, negocios, artistas e creadores, “e todo baixo tres premisas fundamentais: formación, honestidade e asesoramento”.
Polo tanto, a idea é ir alén do que arestora achegan as empresas, axencias e gabinetes á hora de facilitar a comunicación coas comunidades de clientes e usuarios doutras empresas. Ou sexa, o que decote se vén coñecendo como as funcións do community manager, que é en definitiva quen se encarga de soster, acrecentar e defender as relacións dunha compañía cos seus clientes, sobre todo no terreo dixital. Pois ben, os responsábeis de Ganapán quixeron que a súa iniciativa nacese con bo pé, ou polo menos cun paso diferente. A idea é ceibar o terreo de intermediarios e permitir que sexa o propietario dunha empresa, que é quen coñece mellor o negocio de seu, quen fale directamente ante o mundo dixital do seu produto. Ao fío disto, o labor dende Ganapán será realizar o traballo previo ao lanzamento, “seleccionando as vías, redes e campañas máis axeitadas para o cliente e asegurándose de que este reciba a formación precisa para cubrir o seu día a día”. A axencia de comunicación quere ser, tamén, “a rede de seguridade que recolla ao cliente no caso de que aparezan as dúbidas, ocupándose de todo aquilo que el non sexa quen de facer, pero deixándolle vieiro libre para manter unha relación directa e aberta cos seus clientes”.
Como dixemos, Ganapán Comunicación está formada por Agostiño Reigosa, Antía Paz e David Lamas, tres profesionais da mercadotecnia dixital e as redes sociais con experiencia en empresas como Elogia ou Tuapli e dando servizo a compañías e iniciativas web como R, Pizza Móvil, a Denominación de Orixe Rías Baixas, a web Mallando no Android ou Galiloxía.

PUBLICIDADE