Garmin padece un ataque de ransomware

luns, 27 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos días os servizos en liña de Garmin están a experimentar serias caídas, que principalmente afectan a Garmin Connect e como consecuencia máis directa teñen o colapso dos servizos de atención ao cliente da compañía especializada en sistemas de posicionamento xeográfico e de monitorización da actividade física e, aínda que non se espera que os problemas no servizo afectasen aos datos dos usuarios (que volverán a sincronizarse con normalidade cando o servizo estea completamente operativo) a situación é preocupante pola causa das incidencias, xa que aseguran que Garmin estaría a padecer o ataque dun ransomware chamado WastedLocker.
A caída de Garmin Connect non sería así un fallo técnico, senón un apagado de todos os equipos informáticos da compañía como precaución ante a posibilidade de que o software malicioso continuase a súa propagación e cifrase contidos para evitar o seu acceso aos mesmos. O apagamento de servidores é unha precaución bastante habitual ante un ataque de ransomware, e hai medios que incluso comentan que nos últimos días o ataque chegou a afectar ás fábricas da compañía en Taiwán, forzando a paralización da produción durante 2 días.
Sospéitase de que tras este ataque está o grupo criminal ruso Evil Corp, activo dende 2007, e responsable de moitos outros ataques con ransomware a grandes empresas de todo o mundo.
O que si queda claro é que o ransomware é un tipo de ameaza moi a ter en conta, e que case calquera compañía é susceptible a padecer problemas de seguridade que poidan supor a súa paralización, polo que a seguridade informática nas corporacións debería coidarse a todos os niveis.

PUBLICIDADE