Garmin presenta unha pulseira de actividade para nenos
xoves, 29 de setembro do 2016
As pulseiras monitorizadoras de actividade son un produto bastante demandado comercialmente, pero Garmin quixo levalas a un terreo inexplorado anteriormente e anuncia a súa vivofit jr., unha solución de monitorización da actividade diaria para cativos, que promete ser cómoda, resistente, somerxible e cunha autonomía de máis dun ano.
O accesorio non só pretendería comprobar se os nenos permanecen activos como mínimo 60 minutos ao día (tempo mínimo recomendado) senón que tamén pode monitorizar os seus pasos e o seu sono, contando tamén cunha aplicación para móbiles que converte este trebello nun elemento divertido e educativo, que pode axudar aos pais a motivar aos seus pequenos (ofrecendo recompensas se superas os desafíos diarios) ou a indicar as tarefas que os nenos teñen pendentes (como lavar os dentes ou facer a cama).
A vívofit jr. ten acabados rechamantes (en vermello, verde ou con flores) para gustar aos máis novos; conta cunha pantalla cunha resolución de 64 x 64 píxeles que pode lerse baixo a luz solar e que pode presentar, aparte da información da actividade, a hora, a data e o nome do seu propietario; a pulseira mide 136 milímetros; pesa 17,5 gramos; e o seu prezo de venda é de 99,99 euros.
Vídeo promocional da vívofit jr.
