Gas Natural Fenosa lévanos esta semana ao miolo da Industria 4.0

luns, 9 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Meternos de cheo na Industria 4.0 e nas novas tecnoloxías para mellorar a xestión das empresas galegas é o gran obxectivo do seminario que vai organizar esta semana en Compostela a Fundación Gas Natural Fenosa en colaboración coa Xunta de Galicia. Na actividade divulgativa e formativa, que se desenvolve no Hotel AC Palacio do Carme este 10 de abril, analizaranse os conceptos que definen a Industria 4.0, que xa se coñece como nova revolución industrial polos moitos elementos que marcarían un antes e un despois entre os xeitos de producir do noso pasado recente en relación cos do futuro máis inmediato (poderíase dicir que este presente no que vivimos é o punto de inflexión).
Tocaranse, deste xeito, cuestións como a Internet das Cousas, a impresión 3D, a análise de datos masivos (Big Data), a intelixencia artificial, a robótica colaborativa ou a realidade virtual.
No foro Enerxía, Medio Ambiente e Industria 4.0 darase a coñecer “como a dixitalización acelerada dos procesos de fabricación, pode mellorar a produtividade e a xestión enerxética das empresas galegas. Logo, exporanse casos prácticos de aplicación no sector enerxético e no da alimentación.
A xornada, que contará coa participación do director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà e o co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Xunta de Galicia, Francisco José Conde, desenvolverase a partir das 09:00h no Hotel AC Palacio da Carmen (rúa Oblatas, s/n), en Santiago de Compostela.
Durante o seminario, os asistentes “convivirán” literalmente con exemplos concretos da Industria 4.0. Por exemplo co robot humanoide PEPE, que estará presente na actividade xunto cunhas lentes de realidade virtual que estarán, tamén, a disposición dos participantes.

PUBLICIDADE